Alexandra Murguía, autora do deseño da bandeira galega

O pasado día 2 de febreiro celebramos os cen anos da morte de Manuel Murguía. Hoxe, 22 de marzo, son oitenta e seis os transcorridos desde a morte de Alexandra, a súa filla máis vella. Contaba setenta e sete anos e había poucos días que vivira o centenario do nacemento da súa nai, o 23 de febreiro.
Alexandra Murguía (Imaxe: Arquivo Dixital de Galicia)
photo_camera Alexandra Murguía. (Imaxe: Arquivo Dixital de Galicia)

De Alexandra Murguía di Juan Naya que era intelixente, culta e experta debuxante. Cando en 1885 morre Rosalía, Alexandra asume o coidado de pai e irmáns, perdendo toda posibilidade de promoción artística. Anos antes recebera formación regrada na Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, único centro que admitía mulleres entre o alumnado, e onde tamén fora alumno o seu pai. Tamén nese centro Alexandra instruíu seu irmán Ovidio nos principios  do debuxo.

Foi nesta sociedade onde se deseñaron todos os estandartes adquiridos, durante o século XIX, polos centros ou sociedades de galegos en América e a ela pertenceron como profesores -incluída Alexandra Murguía- todos os deseñadores e todas as bordadoras deses estandartes. E aquí está, probabelmente, a orixe gráfica da bandeira galega.

Como chove miudiño

Moito se ten escrito sobre a orixe da nosa bandeira. E sempre pensando na posibilidade de ser unha idea orixinal e exclusiva de Manuel Murguía, nunha concepción, a meu ver, algo desviada do que foi o proceso de creación de símbolos na Galiza do derradeiro cuarto do século XIX, proceso que se manifesta en todo o momento como colectivo, por máis que sexa Manuel Murguía o “servidor central” ao que estaba conectado o resto dos servidores da rede.

Basta ler a correspondencia de Murguía para comprobar o que dicimos. A creación de símbolos e institucións é un compromiso do rexionalismo. E temos a evidencia de que esas creacións se realizaron nunha sorte de brainstorming do que Murguía foi receptor.

A década prodixiosa

A creación de símbolos na Galiza (himno, bandeira e panteón) concéntrase na década de 1890. No caso da bandeira arranca nos comezos do século seguindo as correntes ideolóxicas do momento, sen esquecer a presenza de novas bandeiras nacidas dos procesos de independencia, desde 1809, das colonias americanas. Á altura de 1808 tamén na Galiza ondea unha bandeira de “seda branca con cenefa azul”. É a do Batallón Literario de Santiago, unha bandeira coa que partiron á guerra os 1.300 mozos que a seguiron camiño da meseta e que é orixe da actual bandeira, publicamente homenaxeada en abril de 1822 na praza da Quintana de Compostela e diante da que xuraron empuñar as armas e conquistar “nuevos laureles para su bandera” os revolucionarios de 1846 dirixidos por Faraldo.

Mais voltemos ao principio. Tense atribuído unha e outra vez a idea da bandeira galega a Manuel Murguía sen reparar en que unha cousa é a idea, isto é, a necesidade de ter un símbolo que nos identifique, e outra ben diferente é o deseño físico. 

Non é este lugar para seguir o proceso de elaboración da bandeira galega, mais cómpre constatar que no derradeiro cuarto do século XIX, en paralelo co que aconteceu no resto do mundo, Galiza toma conciencia da necesidade de contar con símbolos propios e estes son o resultado dunha acción política concreta desenvolta polo chamado movemento rexionalista. Nese desenvolvemento desempeñou un papel central a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, colaboradora tamén no traslado dos restos de Rosalía ao Panteón de Bonaval en 1891, acto no que luciu unha bandeira galega. 

Parece lóxico analizar, desde a perspectiva antes citada, as palabras pronunciadas por Ramón Armada Teixeiro na Habana en 27 de abril de 1919:
“Años después, en 1891, comisionado el Sr. Murguía por este Centro Gallego para dirigir en Santiago la construcción de un estandarte para uso exclusivo de la Sociedad, remitió un diseño, con alegorías y detalles heráldicos, obra de la Srta. Alejandra Murguía Castro, hija de la inmor­tal Rosalía”.

Das palabras de Armada deducimos que o Centro Galego da Habana lle encarga a Murguía dirixir os traballos de elaboración do estandarte solicitado e que este ha de estar conforme coas condicións expresadas no encargo e “tener el color azul en línea transversal, sobre blanco, que se adoptó, conforme al modelo, para el estandarte del Centro”.

Murguía dirixe o traballo: serán bordadoras Aurora Cancela e Mercedes Legrande e encarga o deseño a Alexandra. Mais parece que a deseñadora muda o prego de condicións pois “en ese diseño el campo del escudo no es rojo sino azul, a pesar de lo cual no aparece así en el estandarte cuya confección el Centro entonces dispusiera y que aun hoy poseemos”. O que si segue o estandarte é o modelo da bandeira na que surxe “el color azul en línea transversal, sobre blanco, que se adoptó, conforme al modelo, para el estandarte del Centro”.

A día de hoxe non existe unha proba incuestionábel que acredite a autoría do deseño da bandeira galega. Mais si sabemos que Alexandra Murguía dominaba as ferramentas necesarias para tal deseño e, ademais, estaba no lugar e no momento en que ese deseño se materializou. En nada mingua a importancia de Murguía recoñecer as aportacións de Alexandra.

Alexandra, contra o mito da tristeza de Rosalía

O 23 de marzo de 1937, a prensa daba conta da morte de Alexandra Murguía. Mais non morrera ela, falecera a filla do “documentado historiador don Manuel Murguía y de la inspirada poetisa Rosalía Castro”. Dúas ducias de palabras nuns periódicos que na cabeceira portaban o lema: Una patria: España. Un caudillo: Franco.

En 1881, Gaceta de Galicia, nunha reportaxe sobre a pintura na Galiza, cita a pintora Teresa Bouchet como “digna émula de Alejandra Murguía y de Carmen Babiano”. Equiparar estas dúas figuras supón valorar moi alto a pintura e as cualidades de Alexandra Murguía. 

En 1913, sabemos da súa participación na recuperación da música da "Alborada", o poema de Cantares Gallegos escrito por Rosalía para unha melodía preexistente. Perfecto Feixoo e Casto Sampedro andan na procura da fonte daquela peza. Alexandra cántaa para eles e Isidro Puga transcrebe o canto.

A presenza máis polémica dáse en 1930 na entrevista feita por V. Fernández Asís en El Orzán. Alexandra pide ao xornalista que destrúa o mito da tristeza de súa nai e móstrase moi crítica cos propietarios da casa da Matanza (Padrón) por quereren aproveitar o nome de Rosalía de Castro para facer negocio cun predio que antes non querían nin alugar.

Comentarios