venres 07/05/21

Álex Mene resulta gañador do Premio de Poesía de Carral

'Os puntos do impacto' é a obra recoñecida na XXIV edición deste recoñecemento.
Álex Mene, gañador do XXIV Premio de Poesía do Concello de Carral. (Foto: Concello de Carral)
Álex Mene, gañador do XXIV Premio de Poesía do Concello de Carral. (Foto: Concello de Carral)

O Concello de Carral deu a coñecer onte a decisión do xurado do seu XXIV Premio de Poesía, resultando gañador o poeta natural de Vigo Álex Mene pola obra Os puntos do impacto.

O xurado definiu a obra como un "universo orixinal e coherente e cunha estrutura ben elaborada, na que sobresae a solidez da voz poética, propondo unha volta á ancestralidade e un retorno do ser humano á natureza para diluírse nela".

O tribunal do concurso, formado por Francisco Bello Hermida, Manuel López Rodríguez, Inma Otero, Luciano Rodríguez Gómez e Carlos Lorenzo, quixo destacar "a calidade demostrada no conxunto de obras presentadas a esta edición do certame, no que se contou cun alto número de poemarios merecentes do premio".

Mene xa ten varias publicacións ás súas costas, como o álbum ilustrado A raíña das tortas ou Indómita e a semente da inmortalidade (coa que gañou o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil "Muíño do Vento"). Ao longo deste ano tamén verá a luz a novela Ana e as súas irmáns.

Publicación

O acto de entrega do galardón, dotado cun premio de 2.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior, será o vindeiro 28 de maio.

Aínda resta por coñecer o veredicto dos certames escolar e xuvenil, que se proclamará nos vindeiros días, e no que participaron 120 estudantes dos centros de ensino de Carral.

XXV edición

Desde o Concello de Carral informouse do traballo previo para a XXV edición do concurso, para o cal marcan o obxectivo de converter Carral na capital da poesía galega por medio de recitais, xornadas literarias, espectáculos relacionados con este xénero, proxeccións ou exposicións.
 

comentarios