Álex Gallego e Alba Guzmán gañan o IV Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

A Academia e PuntoGal dan a coñecer os gañadores do certame de microrrelatos nas categorías infantil e xuvenil. Un alumno do CEIP Manuel Padín Truiteiro e unha alumnado IES Eduardo Blanco Amor son os vencedores.
RAG-PuntoGal-xurado-infantil-xuvenil
photo_camera Imaxe dos membros do xurado durante a deliberación dos premios de microrrelatos. (Foto: Nós Diario)

Un alumno do CEIP Manuel Padín Truiteiro (Soutomaior), Álex Gallego, resulta gañador do primeiro premio da categoría infantil do IV Concurso de microrrelatos que convocan a asociación PuntoGal e a Real Academia Galega (RAG).

Un texto de 34 palabras foi suficiente para que este rapaz de 10 anos se fixese coa vitoria. Saíndo do túnel é o título de seu microrrelato, o mellor valorado entre os máis de 300 contos presentados por nenos e nenas de até 11 anos.

Na categoría xuvenil, a gañadora do primeiro premio foi a ourensá Alba Guzmán, estudante do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), cuxo relato de 200 palabras, Bolboreta, competiu con outros 477.

Os segundos premios foron para Niara Cabreirizo, alumna do CEIP de Seara (Moaña), participante na modalidade infantil cun conto de 33 palabras titulado Unha mala noite; e Nayara Alonso, estudante de 1º de bacharelato do IES Álvaro Cunqueiro (Vigo), galardoada por Ela, de 181 palabras.

O terceiro premio de infantil foi para Carmen Mendaña, estudante do CEIP das Fontiñas (Compostela), polo microrrelato Papá, de 185 palabras; e na categoría xuvenil recaeu sobre A choiva, unha historia de 130 palabras escrita por Lucía Álvarez, alumna do IES Álvaro Cunqueiro.

O xurado declarou ademais dous finalistas por cada categoría. Na modalidade infantil, A batalla perdida, de Andrés de Miguel, estudante do Colexio Montecastelo (Vigo); e Collo a túa man e saímos correndo de Martiño Yáñez, alumno de 5º de primaria do CEIP de Pedrouzos (Brión).

Na categoría xuvenil, os relatos finalistas foron No sorriso do avó, de Anxo Vázquez do Colexio Salesianos d’A Coruña; e Mente asoballada, de Laura Freire, alumna de bacharelato no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.

O xurado de infantil e xuvenil estivo composto pola escritora e membro correspondente da RAG Helena Villar Janeiro, polo tradutor e tamén académico correspondente Xavier Senín, as integrantes de PuntoGal, Edita de Lorenzo e Cristina Ríos, e mais o xornalista Lois Alcayde.

Os relatos poderán lerse proximamente nas páxinas web da RAG e PuntoGAl e en relatos.gal, a web do concurso.

Comentarios