Alento para as torres da Forxa e do Castro

Son dous dos vestixios máis importantes da comarca da Limia, as torres da homenaxe de dúas fortelezas medievais que axudan a explicar o pasado histórico da Galiza. A Xunta investirá máis de 150.000 euros en reparar os danos da Torre de Sandiás e da Torre de Porqueira, na contorna da Lagoa de Antela.
torre sandias
photo_camera Vestixios da Torre de Sandiás, coñecida pola veciñanza como Torre do Castro (Xunta da Galiza).

A Xunta da Galiza vén de iniciar o proceso de licitación para a restauración das torres medievais de Sandiás e de Porqueira, dúas fortificacións que foron parte dun conxunto defensivo máis amplo na zona fértil da comarca da Limia. 

O complexo orixinal incluía a Torre de Pena, en Xinzo, e a Torre de Celme, xa desaparecida, en Rairiz de Veiga, ademais doutras menos coñecidas popularmente, como o Castellum Sancti Iohannis de Barra, en Padreda, perto de Vilar de Barrio; a da Cima de Ribeira, do século X; a Torre de Abavides, en Trasmiras, ou a fortaleza de Aguiar da Moa. Situadas estratexicamente, permitían vixiar a fronteira con Portugal, previr ataques invasores e controlar o paso cara ao val da Limia.

Torre de Porqueira

A Torre da Forxa ou da Fírbeda, como se coñece tamén a fortificación de Porqueira, é o único vestixio que segue en pé dun castelo medieval cuxas orixes sitúan no século XI e no que, segundo conta a tradición, puido vivir o rei García da Galiza. Xa no século XII foi cedida por Afonso VII ao Bispado de Ourense e habilitouse como mosteiro da Orde de San Xerome. 

A finais do século XIV, durante as guerras de sucesión entre Pedro I, o Cruel, e Enrique II, foi ocupada polo duque de Lancaster e, xa no século XV, pola Casa de Benavente. En 1467 foi asaltada polos irmandiños, que non chegaron a derrubala. A mediados do século XIX, despois de acoller a Casa do Concello durante algúns anos, pasou a mans particulares e a súa deterioración acelerouse.

A torre da homenaxe da antiga fortaleza de Porqueira mide 23 metros de altura e conserva as catro caras exteriores e, ao igual que a Torre do Castro, como lle di a veciñanza de Sandiás á súa fortificación, foi declarada Ben de Interese Cultural con categoría de monumento.

Torre de Sandiás

A Torre de Sandiás é o único vestixio dun castelo medieval construído na primeira metade do século XII sobre un antigo castro. Conserva en bo estado só dous dos seus catro muros, o norte e o leste, e mantense en pé parte da parede sur. A Torre do Castro participou nas guerras fronteirizas pola posesión do condado da Limia, entre o monarca Afonso VII de Castela e León e Afonso Henriques de Portugal. 

A finais do século XIV foi asaltada polo duque de Lancaster e máis tarde, en 1467, arrasada polos irmandiños. Algúns autores defenden que non foi reconstruída, mais a maioría opina que se volveu facer, sen aclarar en que momento acadou o seu estado actual. 

Restauración

Despois de varias actuacións previas de limpeza e acondicionamento dos camiños de acceso, a Xunta acaba de anunciar que inicia a licitación de varios traballos para a mellora do estado de conservación destas dúas fortalezas por un importe de máis de 150.000 euros.

O proxecto inclúe a avaliación de posíbeis deficiencias e a corrección dos fallos detectados co fin de  contribuír á súa conservación. No caso da Torre do Castro as actuacións contan cun orzamento de 80.000 euros. Para a Torre da Forxa ou de Fírbeda, indica a Administración galega, serán necesarios traballos por valor de perto de 77.000 euros.

Renovación das cubertas e coidados no interior

A Torre da Forxa e a Torre do Castro son dous elementos defensivos que se conservan desde o medievo na comarca da Limia. Non son os únicos, mais desde o seu emprazamento son fundamentais para coñecer o pasado histórico da Galiza. Fan parte da paisaxe limiá e as súas vistas tamén achegan panorámicas da contorna, nomeadamente da desecada lagoa de Antela que noutro tempo se encargaron de vixiar.

É o caso da Torre de Sandiás, cuxa reparación da cuberta e da cantaría busca que poida ser empregada como recurso para o desenvolvemento sostíbel e a promoción socio cultural, laboral e económica da zona. A Torre da Forxa tamén presenta patoloxías tanto na cuberta como na carpintaría e nas propias instalacións. Contará cun illamento renovado así como cunha nova carpintaría de madeira para o interior.

Comentarios