'Alento esbravexo' homenaxea Díaz Pardo no seu centenario

'Unha manda de pezas para Isaac', o seu agasallo
Isaac Diaz Pardo
photo_camera Isaac Diaz Pardo

Este sábado, 22 de agosto, Isaac Díaz Pardo cumpriría 100 anos. Para agasallalo, un grupo de persoas denominado 'Alento esbravexo', formado por Pilar Sampedro, Ana de Vilatuxe, Maca Arca, David Otero e os irmáns Héitor e Martiño Picallo veñen de poñer en marcha en marcha a iniciativa Unha manda de pezas para Isaac, unha proposta dirixida a toda a sociedade civil coa que buscan celebrar o centenario de Díaz Pardo "nun tempo difícil de coronavirus e máscaras".

Segundo achega o colectivo promotor desta conmemoración a través dun comunicado, "a nosa satisfacción non pode ser maior", ante a resposta acadada polo seu convite. "Máis de 200 pezas ou mandas enviadas dende diferentes puntos. Desde Australia a Xapón, Bélxica, Polonia, Madrid ou Cuba. E sobre todo, desde todos os puntos da Galiza".

Ás portas do aniversario de Isaac Díaz Pardo manifestan ter recibido mandas individuais e colectivas, de asociacións e fundacións, de grupos de persoas e grupos empresariais, de artistas da plástica -pintoras, escultoras, gravadoras, fotógrafas, ilustradoras, tatuadoras, grafiteiras, arquitectas- e da música tradicional, clásica e de autor.

Unha manda de pezas para Isaac acolle tamén textos literarios, en verso, en prosa, ensaios, textos de lembranza, xornalísticos; ademais doutras obras concibidas por artesáns de distintos ámbitos, cociñeiros e mesmo libreiros que decidiron converter os seus escaparates nunha homenaxe ao intelectual polo centenario do seu nacemneto.

"Son case inabarcables os ámbitos de intervención", tanto de xente coñecida da cultura como de persoas alleas a este círculo "que lle quere facer un agasallo a Isaac, cada un deles lembrándoo como artista, empresario, editor, intelectual ou escritor. Os agasallos creados para Díaz Pardo pódense ver en mandadepezasparaisaac.blogspot.com.

Comentarios