O alento da memoria que mantivo “A volta dos nove” continúa a través do relato de Antonio Caeiro

Mans anónimas pintaban cruces na volta na que nove mariñeiros foran asasinados en Baiona. Unha e outra vez volvían aparecer, mantendo a memoria daquel brutal episodio de represión. Agora, o documentario “A volta dos nove”, dirixido por Antonio Caeiro, que se está a proxectar en distintos puntos do país, continúa aquela vontade popular de non esquecer a historia. 

Autorretrato de Antonio Caeiro
photo_camera Autorretrato de Antonio Caeiro

Antonio Caeiro comezou a preparar o documental “A volta dos nove” no 2006, o Ano da Memoria. Agora está a presentar o resultado dun traballo que forma parte da súa vontade de recuperar a memoria a través de imaxes e palabras das persoas protagonistas. Esta quinta feira, presenta con O Faiado da Memoria na Gentalha do Pichel de Compostela, o sábado en Teo e o 7 de febreiro en Vilagarcía. 

Daquela, no país fervía a vontade de homenaxear ás vítimas e recuperar a memoria da represión. Entre os múltiples actos e iniciativas na propia volta na que mataran aos nove mariñeiros inaugurábase un monumento para que a súa memoria perdurara, á maneira daquelas cruces que a cada pouco aparecían pintadas no lugar, debuxadas por mans anónimas que se resistían ao silencio imposto. Foi entón cando Antonio Caeiro decidiu levar a documental aquela intensa historia, a do acontecemento mais tamén a da memoria do pobo que impediu que os feitos esmoreceran no tempo. Descendentes daqueles mariñeiros participaban con emoción naquel acto de inauguración e eles e elas íanse converter en protagonistas privilexiadas para o relato documental que Antonio Caeiro comezaba entón a xestar. 

“Entón comezamos as primeiras gravacións mais estivo moito tempo parado. Quería que todo fora narrado polas propias testemuñas mais algunhas xa morreran e tiven que idear a maneira de salvar as lagoas. Desgraciadamente para algunhas chegamos tarde mais, mesmo así conseguimos gravar a bastantes que tiñan memoria daquel feito. Desde entón, xa morreron varias persoas que aparecen nun documental que, como todos, consigue que a súa memoria perdure”, explica Antonio Caeiro, director de A volta dos nove. 

Memoria da memoria 

A historia da coñecida como “a volta dos nove” conmove non só pola brutalidade do acontecemento senón tamén por esa vontade popular de homenaxe e memoria en tempo de represión. “O documental é por iso sobre a memoria da memoria. O labor desas persoas anónimas que marcan as cruces durante eses anos de ditadura e democracia fai que esa historia estivera sempre viva. Eu non vin as cruces mais lembro que mesmo se falaba delas como elementos de meigas, do trasmundo, da xente que volvía para lembrar os que mataran. Iso quedou na memoria para sempre”, explica Caeiro, para quen o seu documental continúa, en certa medida, o papel daquelas persoas que teimaban en pintar unha e outra vez as cruces, para que a memoria non se borrase. 

Quen facía aquelas cruces? “Dinse nomes mais non se sabe. Posibelmente foran moitas persoas. Era un feito de valentía e resistencia nun tempo moi duro. Había xente vixiando a zona mais hai testemuñas que di que tamén había quen vixiaba aos que vixiaban. Ao se tratar de persoas da zona quedou moi marcado”. Arredor do acontecemento, a memoria funcionou de distintas maneiras. “A filla dun dos asasinados contábanos que a súa nai nunca lles falaba do tema. Ía ao cemiterio de Baiona, púñalle velas mais non dicía nada da morte do home. Nin unha palabra”, conta Caeiro. 

“Utilizamos elementos non ficcionais mais si dramáticos para certas partes da historia porque son moitas as maneiras que se podían escoller para contalo. Un día chegou as nosas mans a carta do fillo dunha das vítimas na que lle contaba o que acontecera ao seu propio fillo e ese mecanismo serviu tamén de fío condutor”, explica o director. 

“A volta dos nove” contou co apoio popular a través do financiamento por micromecenádego mais topou tamén con barreiras como a do concello de Baiona que ese negou a abrir o arquivo municipal para a investigación. Desde o proxecto tiveron que presentar unha protesta no Valedor do Pobo mais, mesmo así, o documental sigue sen se presentar nese concello. “Quixemos estrealo en Nigrán mais o concello non deu permiso alegando actividades que non houbo naqueles días. O que pasou continúa facendo ferida. Os mortos teñen que pedir perdón por ser matados”, lamenta Antonio Caeiro que, finalmente conseguiu estrear en Vigo. 

Tristeloxía galega 

Agora, desde O Faiado Producións, están a distribuír man a man o documental. En proxeccións por todo o país, agora na Gentalha do Pichel esta quinta feira así como o sábado en Teo e o día 7 de febreiro en Vilagarcía, venden os tres documentais de recuperación da memoria. O que Caeiro chama a “tristeloxía” galega que, ademais de A volta dos nove”, inclúe o documentario “Aillados” sobre a represión na Illa de San Simón e outro sobre o tempo do wolfrang. 

O Faiado Producións é a sección audiovisual do Faiado da Memoria, un proxecto que naceu en Vilagarcía e que conseguiu publicar no seu blog 10.000 fotos que reconstrúen a memoria local máis3.000 máis na súa nova páxina. Arredor de 200.000 fotografías foron xa recollidas nunha iniciativa única que atesorou o arquivo local máis importante dos recollidos por unha entidade privada. 

Comentarios