Alceu Valença, última achega do Cantos na Maré

O mítico músico brasileiro é o último en chegar ao cartel dun Cantos na Maré que terá lugar este sábado 16 de xaneiro. 

Alceu (Yanê Montenegro)
photo_camera Alceu Valença (Yanê Montenegro)

Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, completa o cartel da súa duodécima edición cunha última sorpresa: Alceu Valença, un dos artistas brasileiros máis transgresores, que leva máis de cinco décadas electrizando os ritmos do seu Pernambuco natal, cunha gran repercusión internacional. A súa participación no festival foi posible grazas ao patrocino de Martín Códax.

Alceu Valença era un transgresor cando subiu por primeira vez a un escenario con só 4 anos e continúa a selo agora con 69, cando segue ampliando os marcos dos ritmos nordestinos con respectuosa irreverencia. O maracatu, o frevo, os caboclinhos, o baião ou a toada son algúns dos sons da súa terra que el reinventou pasándoos polo filtro eléctrico do pop e o rock, sen que perdesen nin unha miga da forza da música de raíz popular. 

Valença colaborou con outros grandes como Geraldo Azevedo, Luiz Gonzaga, Arto Lindsay, Maria Betânia e Jackson do Pandeiro, e levou os achados do tropicalismo máis lonxe que ninguén. Ao longo de cinco décadas de música ao vivo e grandiosas gravacións trazou unha carreira coherente que arrastra a varias xeracións. No seu traballo pandeiros, pífanos e rabecas confúndense coa guitarra e o baixo eléctrico para dar como resultado unha obra única, unha música tan nordestina como universal. 

Jorge Palma, Karyna Gomes, Thaïs Morell e Uxía&Narf

Ademais, compoñen o cartel desta duodécima edición Jorge Palma, un dos piares da música rock portuguesa; a brasileira Thaïs Morell, unha cantante e guitarrista excepcional, que mestura a bossa-nova cunha grande diversidade doutras músicas; a africana de Guinea Bissau Karyna Gomes, que presenta o seu primeiro disco; e dous músicos galegos de recoñecida traxectoria, Uxía&Narf, que se reúnen para cantar as 'Baladas da Galiza Imaxinaria'. 

Comentarios