Distintos representantes institucionais alén de persoas do mundo da cultura asistiron á inauguración da Feira do Libro da Coruña que, singularmente, rematou coa interpretación do himno español. A sorpresa foi compartida por moitas das persoas asistentes xa que é a primeira vez que acontece nas distintas citas da Feira do Libro en cidades e vilas.
A actuación da Banda veu precedida da intervención do alcalde da cidade, Carlos Negreira, que deu lectura a un texto institucional integramente en español. Só despois de rematar, dirixíndose directamente ás persoas asistentes, o alcalde empregou o galego para lembrar ás vítimas de Angrois.
Canda o alcalde da Coruña, participaron na inauguración a presidenta da Federación de Libreiros, Pilar Rodríguez, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o Conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez. A encargada do pregón inaugural foi a escritora Yolanda Castaño que leu un texto literario no que reivindicaba a Coruña como cidade das letras e da cultura galegas.