Carlos Núñez e Baiuca traballan xuntos no tema 'Solstício'

Unha alborada que segue viva

Unha das figuras máis relevantes da música celta a nivel mundial e un dos referentes contemporáneos do diálogo entre a música tradicional e a electrónica, Carlos Núñez e Baiuca, xúntanse agora para gravar en colaboración un tema, Solstício, que parte das tradicionais alboradas portuguesas.
photo_camera Carlos Núñez e Álex Guillán na Praza da Quintana, en Compostela. (Foto: Carlota Varela)

Pasado, presente e futuro da música tradicional galega. Quizais sexa unha boa maneira de definir o encontro entre dúas figuras chave do noso panorama musical, Carlos Núñez e Álex Guillán, responsábel de Baiuca. Solstício é a peza que xorde desta primeira colaboración entre ambos artistas, unha alborada inédita de Núñez que parte de melodías portuguesas.

“Aqueles gaiteiros do norte de Portugal collían pequenos fragmentos, que descompoñían e volvían compoñer con novas estruturas. Cando chegaron a min, fixen unha composición baseada nesas pezas para pasarlla logo a Álex, que colleu a miña esencia e atravesouna coa súa, dando lugar a unha nova estética”, sinala o gaiteiro en declaracións a Nós Diario, rematando por definir a canción como unha alborada electrónica do século XXI.

Traballar conxuntamente supuxo unha nova experiencia para os dous artistas. Por unha banda, Baiuca nunca introducira unha gaita como elemento principal das súas cancións, mentres que Núñez, a pesar de achegarse á electrónica en ocasións, non tivera antes unha incursión tan forte. Álex tocaba á gaita na adolescencia e xa tivera en mente mesturar estes sons, pero “despois de catro anos de proxecto, de experimentar e de xogar con ritmos, cando Carlos me propuxo isto pareceume o momento oportuno para facer algo diferente, que aínda que tivese electrónica e forza, fose máis sutil”.

Solstício mantén esa esencia da “alvorada” portuguesa a través dunha chiscadela a unha gravación tradicional de Paulino Pereira João, un gaiteiro que tocaba e cantaruxaba a peza en Tras Os Montes. Rebuscando  na carpeta onde garda as músicas e sons que vai atopando, Álex atopou a voz de Paulino, gravada na mesma tonalidade que a gaita de Núñez e cuxa melodía encaixaba á perfección coa mestura.

Unha das curiosidades que agocha a canción é a presenza do modo dórico, un modo medieval no que traballaban esas gaitas portuguesas. Tal e como menciona Núñez, é un xeito de uso habitual en músicas como o reguetón ou o trap. “Ao final atopamos cousas moi antigas que, por cuestións do devir, están presentes na actualidade”, remacha. Se ben noutros lugares se aborda a música tradicional como un revival, na Galiza é diferente a ollos de Núñez, xa que “esa tradición está viva e estamos nun país no que existe un patrimonio inmaterial oral moi importante. Facer creacións novas en base a iso é unha sorte”.

A colaboración parte da iniciativa do gaiteiro, quen para celebrar o 25 aniversario do seu primeiro disco, A irmandade das estrelas, decidiu convidar novos artistas que están a facer propostas diferentes coa música tradicional. Interesouse polo proxecto de Baiuca nos últimos anos, pero había moito máis tempo que Álex coñecía a Núñez. “Desde moi pequeno tiven moita relación coa súa música e cando comecei con Baiuca sempre tiven ganas de poder facer unha colaboración con el. Nunca cheguei a pedirllo, porque non me gusta que me digan que non e ao final el adiantouse”, confesa sorrindo. Desa admiración mutua e da inquietude creativa que os leva a resignificar as músicas tradicionais é froito Solstício.

Todo un universo antropolóxico e cultural vinculado a unha canción

A música de Baiuca adoita rodearse de todo un misticismo e imaxinario propio das tradicións antigas da Galiza. Nesta ocasión, Solstício relaciónase con esas alboradas que se tocan no entroido, de aí a imaxe elixida para a portada do tema. Trátase dunha fotografía de Carlos González Ximénez tomada nas festas de Parada, na zona de Tras Os Montes, que estabelece un diálogo estético coas orixes e xenética da canción. Nesas celebracións onde se cantaban as alboradas, os asistentes mergullábanse nun ritual hipnótico, un transo que, segundo Carlos, é unha das cuestións máis poderosas do tema, algo que a música electrónica trata de evocar con códigos actuais. Aparecen así esas conexións entre o eido musical e outros universos que dan pé a todo un conxunto orixinal e multidisciplinar.

Comentarios