Albino Fernandez, o gravador humanista

Unha exposición en Vigo recupera a obra do artista galego.
'A ponte', 1957, de Albino Fernández, unha das obras presentes na exposición do Museo do Mar de Vigo. (Foto: Museo do Mar)
photo_camera 'A ponte', 1957, de Albino Fernández, unha das obras presentes na exposición do Museo do Mar de Vigo. (Foto: Museo do Mar)

"Arturo [Cuadrado] era como un irmán, o mesmo que Luís Seoane ou Lourenzo Varela". É un fragmento dunha carta na que Albino Fernández revela a natureza da colaboración entre os exiliados galegos na Arxentina. Nunha época na que o país vivía unha efervescencia creativa que o colocaba en primeira liña da creación internacional, o exilio galego despregaba unha incansábel actividade que incluía a edición de revistas, a organización de exposicións, a fundación de editoriais e mesmo a emisión de programas de radio.

Albino Fernández é unha figura inxustamente postergada que fixo parte daquela actividade que pretendía chamar a atención sobre a ditadura franquista ao tempo que reivindicaba unha identidade galega propia a través da arte e da cultura. Até o 11 de setembro, o Museo do Mar de Vigo dedícalle unha exposición que pretende recuperar a súa obra e personalidade mostrando unha selección dos seus gravados, técnica na que obtivo un enorme suceso e da que foi un referente en toda América Latina.

Fernández nacera en La Habana, en 1921, fillo de emigrantes galegos que regresarían en 1929 á Galiza e que despois de tres anos en San Pedro de Viana, en Chantada, volverían emigrar, desta vez á Arxentina. En Bos Aires, formouse con mestres como Antonio Berni ou Lino Enea Spilimbergo (amigos e compañeiros do Colmeiro mozo, por certo), e  axiña destacou co seu traballo como gravador, aínda que a súa obra como pintor tamén foi valorada moi positivamente.

Non obstante, Fernández levou a cabo un labor organizativo e divulgativo a favor das artes gráficas que o converteron nun personaxe da maior relevancia no mundo do gravado contemporáneo. Profesor na Universidade de Tucumán, na Escola de Artes Gráficas e no Instituto Arxentino de Artes Gráficas, desenvolveu ademais un traballo fundamental como promotor do Club da Estampa de Bos Aires, que tiña como obxectivo promover o coleccionismo de arte entre públicos de recursos medios. As persoas subscritas ao club podían adquirir un orixinal a través dunha cota mensual, o que significaba un paso cara á democratización das artes plásticas.

Na altura, artistas como Spilimbergo e os adscritos ao movemento muralista, entre outros, buscaban ese achegamento das artes ao pobo como parte dun movemento comprometido co antifascismo desde posicións humanistas de esquerda.

Fernández realizou series de gravados como 'América', entre 1971 e 1975, ou á dedicada ás Malvinas, iniciada en 1982, a raíz da guerra desatada entre Arxentina e o Reino Unido pola soberanía destas illas, que son exemplos dunha forma de entender a arte que nunca abandonou.

Fernández compatibilizou ese compromiso universalista coa colaboración mantida no tempo coa causa galega. O seu traballo como editor de coidadísimas publicacións ilustradas con obra gráfica, por exemplo, estivo moitas veces ao servizo da Galiza. Nas décadas de 1970 e 1980, a editorial fundada por el, Albino y Asociados, dá ao prelo libros de extraordinario valor con xilografías orixinais como a colección de gravados Imágenes de Galicia (1979) de Luís Seoane.

" Toda a súa obra conforma un exercicio de conciencia e dignidade", di Carlos L. Bernárdez, comisario da mostra, "e con ela recuperamos unha parte do legado da nosa diáspora na memoria daquel rapaz que sempre lembrou a escola de San Pedro de Viana e que, desde alén mar, nunca deixou de amar a nosa nebulosa e vella nación".

Amizade con Luís Seoane e compromiso co país

A exposición do Museo do Mar de Vigo, comisariada polo crítico Carlos L. Bernárdez -colaborador de Sermos Galiza- e o director do Museo do Gravado de Ribeira, Xoán Pastor Rodríguez, constitúe unha valiosa proba do profundo compromiso do artista, así como da súa intensa colaboración coa cultura galega na Arxentina, especialmente con Luís Seoane, con quen o uniu unha forte amizade que se mantivo até a morte deste último, en 1979.

Comentarios