'Confín dos verdes castros e valeroso clan!'

Alberte Reboreda: “O mundo dos castros galaicos non responde a unha planificación “urbanística” previa como si será a romana”

O arqueólogo Alberte Reboreda estuda o castro de Troña, en Ponteareas, no corazón do val do río Tea, afluente pola dereita do Miño, unha zona de penetración de produtos de orixe mediterránea cara ao interior. Unha nova entrega do coleccionábel 'Confín dos verdes castros e valeroso clan!'

ar-min
photo_camera Alberte Reboreda durante un roteiro (Foto: Festa da Prehistoria)

Sinalas no teu traballo sobre o Castro de Troña do grande esforzo que supuxo construír unha muralla. Ben sabemos que ten unha función de protección mais tamén simbólica. Realmente cres que a sociedade daquela altura non era conflitiva? Isto é, dentro das dúas posibilidades das murallas, inclínaste máis por unha que por outra?

O existro arqueolóxico demostra que durante a Idade do Ferro as murallas dos castros galaicos tiñan un forte papel intimidatorio, mesmo simbólico. Con todo penso que hai que diferenciar entre conflito e violencia. A sociedade dos galaicos tiña conflitos entre os distintos “populi” ou “civitas”, incluso, entre os diferentes “castella” ou subcomunidades, desde logo. Pero as evidencias arqueolóxicas demostran que esta sociedade non era particularmente violenta, no sentido de resolver as súas diferenzas e intereses, fundamentalmente, por medio das armas, da brutalidade e da forza.

O paradoxo é que os habitantes dos castros investiron moito tempo e esforzo na construción de complexos e monumentais sistemas defensivos: foxos, parapetos, murallas... e isto quere dicir algo, quizais que a intimidación era a mellor forma de prevención dos conflitos armados. Ademais, o prestixio e a funcionalidade de cada castro radicaba, en grande medida, nas súas defensas naturais e antrópicas, e Troña é un bo exemplo do que digo.

Consideras que o segundo recinto é máis produto dunha ampliación do hábitat do castro que dunha planificación previa de facer dúas ou máis murallas. É isto habitual nos castros galegos? Isto é, que as murallas despois da croa son produto de ampliacións polo maior número de habitantes?

O mundo dos castros galaicos non responde a unha planificación “urbanística” previa como si será a romana por exemplo. O urbanismo galaico é organicista non planificado, quero dicir que adapta o espazo físico habitable ás necesidades da poboación que acolle en cada momento, pero seguindo o seu propio patrón de racionalidade, a súa propia lóxica cultural para organizar o solo residencial dispoñíbel.

A maiores, os castros, en canto que aldeas fortificadas de espazo habitábel limitado, eran a consecuencia do contexto socioeconómico de cada momento, da dispoñibilidade dos recursos, das oportunidades de comercio, das opcións de pactos entre elites sociais, mesmo das oportunidades de crear núcleos familiares entre os membros da comunidade. Isto é, dunha serie de variábeis cambiantes que os obrigaban a adaptarse a cada situación concreta, exactamente igual que calquera cidade fortificada de época histórica.

O rico folclore que hai perto dos castros, con lendas de elaborada feitura, que significado poden ter? Darlle unha explicación -no seu
momento- a  unhas construcións abandonadas que ninguén entendía a súa orixe? Son produto da relación cos metais preciosos e cos achados que podían atopar?

As lendas nacen da necesidade que ten unha sociedade ágrafa de explicar o seu pasado. A ausencia de coñecemento histórico científico, sometido a crítica e a proba, obrigou noutrora a procurar un relato mítico que dese respostas a un pasado do que se descoñecía todo. Así naceron as lendas de mouros, os habitantes da Galiza precristián.

Por outra parte, as lendas das sociedades acientíficas desde o punto de vista histórico imbúen de simbolismo os lugares que os pobos do pasado habitaron ou mesmo que serviron para demarcar o territorio, para desenvolver ritos funerarios, propiciatorios da caza, das boas colleitas, etc. Por iso a historia resignificou boa parte deses lugares, sobre todo os que tiñan unha serie de calidades físicas monumentais, prominentes. A capela que se levantou na croa do castro de Troña, como en tantos outros castros, responde a esa lóxica.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios