Alberte Pagán, recoñecido en Cineuropa

O cineasta natural do Carballiño recibiu un premio a toda a súa traxectoria até a actualidade, pois é considerado chave na evolución do cinema experimental galego.
O cineasta Alberte Pagán. (Foto: María Meseguer)
photo_camera O cineasta Alberte Pagán. (Foto: María Meseguer)

O cineasta galego Alberte Pagán (O Carballiño, 1965) recibiu esta quinta feira o premio Cineuropa a toda a súa traxectoria até o momento no festival de cinema que decorre en Compostela.

O tamén escritor, profesor e teórico -entre outras facetas- é considerado pola comunidade audiovisual como un autor de referencia dentro do cinema experimental galego

Ao longo da súa vida profesional, Alberte Pagán ten organizado e comisariado diversas mostras sobre filmes experimentais e, ademais, asinou máis de 30 obras, algunhas das cales foron proxectadas hai uns días cando ofreceu unha aula maxistral no evento. 

Ademais, a película que protagonizou o pase de homenaxe xa recibira o galardón Foco Galiza ao mellor documental galego de 2006 e tamén o II Premio de Cine-Ensaio Román Gubern da Universidade de Barcelona. 

Galardóns e cultivo doutras facetas artísticas

Por outra parte, a peza Pó de estrelas foi considerada como unha das mellores curtametraxes do Estado español en 2007, como así o apoia o recoñecemento recibido.

Tanyaradzwa, rodado en 2008, foi distinguido co premio ao mellor documental galego no Festival Play-Doc de Tui en 2010 e chegou a ser finalista do IV Premi de Cinema Assaig da Universidade Autónoma de Barcelona. 

Pero Pagán non quedou só co cinema senón que tamén cultivou outras facetas creativas escribindo o ensaio A voz do Trevón. Unha aproximación á Finnegans Wake, sobre a última novela de James Joyce, que traduciu ao galego.

É autor do poemario Prosopagnosia; das pezas teatrais agrupadas no libro Como foi o conto e outras peças teatrais e da novela Percorridos por unha teoría do desexo
 

Comentarios