Alberte Pagán abre a Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego

Outrasvozes de Alberto Pagán abre a 8ª Mostra de Cinema Etnográfico no Museo do Pobo Galego que se prolongará do 4 ao 14 de xuño.

Outrasvozes
photo_camera Outrasvozes

O filme Outrasvozes de Alberto Pagán abre o martes 4 a Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego que chega a súa oitava edición. No proxecto, Pagán recolle intervencións de persoas de diversas partes do mundo que viñeron contar as situacións dos seus países, desde Colombia, o Sáhara, Xordania, Nicaragua, Bolivia, Chile, Chiapas, Perú, Venezuela ou Ecuador.

Artellada en tres seccións, a mostra ofrece no apartado “Carlos Velo” filmes realizados nos últimos dous anos. Ademais da produción de Pagán, inclúe, Avión, a aldea ausente de Marcos e María Hervera, Arraianos de Eloy Enciso, Adolescentes de Angel Santos Touza, Piedad de Otto Roca, [NO-RES] Vida i mort d’un espai en tres actes de Xavier Artigas, Si près si loin de Michel Favre , An Anthropological Television Myth de Alessandro Gagliardo, Maria Helene Bertino, Dario Castelli, Fóra de Pablo Cayuela e Xan Gómez Viñas , Seems so long ago, Nancy de Tatiana Macedo, N-VI de Pela del Álamo, Kanús e Con etiqueta de Adriana Pérez. 

No apartado “Cinema na historia” presentarase o Fondo do Ministerio de Agricultura, integrado nos fondos do CGAI, que está composto dun conxunto de filmes relacionados co traballo no campo galego. Documentais con imaxes de Galiza arredor da agricultura que ofrecen información histórica e antropolóxica e que compoñen a maior parte dos arredor de 100 títulos do fondo. Proxectarase o filme A cidade e o campo de Carlos Velo e A muller na comunidade rural e Lires de Francisco de la Calle. 

Xurxo Chirro e Beli Martínez presentarán o Proxecto Socheo unha inicitiva que se botou a andar co fin de inventariar e catalogar o patrimonio audiovisual do concello da Guarda, en colaboración coas persoas que gardaban imaxes de interese para a comunidade. Trátase dun proxecto pioneiro de recuperación da memoria histórica coa participación activa da veciñanza. 

Finalmente, na sección Espiello, en colaboración co Festival de Cine Documental Etnográfico de Sobrarbe, poderanse ver os filmes A rocha, Bertsolari e Espui. 

Comentarios