Alberte Momán e Verónica Martínez gañan o Certame de Poesía Erótica de Malpica

O episodio é o título do poemario co que Alberte Momán e Verónica Martínez veñen de gañar o IX Certame de Poesía Erótica de Malpica. 

Verónica Martinez e Alberte Momán
photo_camera Verónica Martinez e Alberte Momán

A obra gañadora do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas de Malpica está escrita a catro mans. Son as de Verónica Martínez e Alberte Momán, autores á par de O episodio, nomes que teñen xa antecedentes no certame de literatura erótica. Alberte Momán fora xa gañador da segunda edición e Verónica Martínez acadou un accésit no pasado ano. Agora, cunha obra asinada cos seus dous nomes, recibiron o pasado sábado no marco da Cea das Letras, o premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica. 

No acto de entrega do premio, foron tamén presentadas as obras premiadas na anterior edición, entre as que se atopaba Ode à Madison Ivy e outras cousas de meter, pola que Verónica Martínez gañou o accésit na edición de 2013 na que se fixo co premio Dominio público de Ramón Neto, ilustrada por Peter Kramer. 

Máis mulleres no erotismo

A obra de Momán e Martínez foi seleccionada entre as 24 presentadas por un xurado que destacou a súa condición de obra “arriscada”. É a segunda vez, nas nove edicións do certame, que a obra gañadora está asinada cunha autoría dupla xa que na cuarta edición a gañadora foi Rúa da cancela de Eli Ríos e Eduardo Estévez. Á marxe destas dúas edicións gañadas por home e muller, a listaxe do Certame de Poesía Erótica de Malpica está composta por catro mulleres e tres homes. Enma Pedreira, María Lado, Elvira Riveiro e Mercedes Leobalde son as autoras gañadoras mentres Antonio García Teijeiro, Alberte Momán e Ramón Neto son os poetas que acadaron até agora o premio. 

Comentarios