domingo 29.03.2020
CONMEMÓRASE A PEREGRINAXE DE CASTELAO

A “Alba de Gloria” volve escoitarse no Pico Sacro

Raiou o sol xusto cando no cumio do Pico Sacro, lugar máxico e espitual, puido escoitarse máis un ano a “Alba de Gloria” para conmemorar a peregrinaxe en que participou Castelao en 1925.

Calros Solla, na benvida ás persoas participantes
Calros Solla, na benvida ás persoas participantes

Pasaron nove décadas desde que Castelao participara na peregrinaxe ao Pico Sacro, cando por aquel entón a ditadura impedía celebrar a festa nacional. O maxín de Castelao volveu sobre o Pico Sacro desde o exilio, cando teceu unha das súas pezas máis profundas, a “Alba de Gloria”, o discurso de celebración do Día da Patria

Desde 2011, a Federación Galiza Cultura, a través das Asociacións Vagalumes e O Galo, conmemora a peregrinaxe de Castelao ao Pico Sacro. Por aquel entón cumpríase o 125 aniversario de Castelao co “total desprezo por parte da Xunta de Galiza”.  A organización decidía entón homenaxear a “Alba de Gloria” nun ano caracterizado polo furibundo ataque do Goberno de Feijóo á lingua e á cultura galegas.

“Queremos renderlle unha homenaxe a Castelao e volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais coa lembranza dunha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura”, sinala a organización.

O izado da bandeira da Patria estivo acompañado da lectura da "Alba de Gloria" a cargo de representantes de asociacións culturais da Estrada, Vedra, Boqueixón, Santiago e Silleda

Contra ás 12h, o escritor, arqueólogo e etnógrafo Calros Solla deulles a benvida ás persoas asistentes cun discurso de afirmación da identidade galega como algo que resiste ao longo dos séculos. Xa no cumio, a néboa e a chuvia deron paso a unhas raiolas de sol para a lectura do “Alba de Gloria”, que correu a cargo de representantes das asociacións culturais da Estrada, Vedra, Boqueixón, Santiago e Silleda. A continuación, o gaiteiro Raúl Galego pechou o acto da mañá coa interpretación do Himno Nacional.

As persoas que asistiron ao acto, entre elas asociados e asociadas de entidades culturais da bisbarra, tiveron a oportunidade de coñecer de perto, a través de Yolanda Aldrey, as lendas que xurdiron ao redor do Pico Sacro, así como o seu valor arquitectónico, coa historias das construcións borradas co paso do tempo. Á chegada á capela, tivo lugar a actuación de Mini e Mero.

Tras o xantar colectivo, no que se atopan arestora as persoas participará, terá lugar un roteiro polos recunchos máis singulares da Ulla.
 

comentarios