A Alba de Gloria sentirase no Pico Sacro 90 anos despois da peregrinaxe de Castelao

90 despois de Castelao subir ao Pico Sacro para conmemorar a festa nacional que a ditadura impedía, a Federación Galiza Cultura convoca unha nova lectura pública da Alba de Gloria desde o cumio do monte. Será o vindeiro sábado día 19. 

Castelao na subida ao Pico Sacro
photo_camera Castelao na subida ao Pico Sacro

Cúmprense 90 anos desde que Castelao escolleu o Pico Sacro para conmemorar a festa nacional que a ditadura de Primo de Rivera prohibía. Era o 1924 e o autor de Sempre en Galiza rememoraría tempo despois aquel momento cando, no exilio, escribise o famoso discurso de celebración da data que titulou “Alba de Gloria”. Nove décadas despois, a federación de asociacións culturais Galiza Cultura volve subir ao Pico Sacro para rememorar, por cuarta vez, aquel momento cunha lectura pública da “Alba de Gloria” no cumio do monte, no lugar simbólico e cargado da enerxía da propia historia. Entre outros momentos, desde a organización queren lembrar a xeración do Seminario de Estudos Galegos “que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo”.

Referencia a Filgueira

A cuarta subida ao Pico Sacro para conmemorar a peregrinaxe laica de Castelao coincide coa designación de Filgueira Valverde para o vindeiro día das letras, feito ao que se refire Galiza Cultura ao lamentar que se teña elixido para dedicarlle “as letras galegas a un membro dun réxime que pretendeu exterminalas”. 

O escritor Xosé Luís Santos Cabanas será o encargado de dar a benvida por volta das 12:00 h. do día 19 para subir conxuntamente o último treito do Pico Sacro onde se inzará a bandeira e se procederá á lectura da “Alba de Gloria” por parte de representantes de diversas asociacións culturais. 

A seguir as persoas asistentes poderán participar nun roteiro guiado arredor do Pico Sacro que rematará coa actuación de Mini e Mero no atrio da capela. Despois do xantar colectivo desenvolverase a visita guiada por Iolanda Aldrey “Da auga e da pedra”, arredor de tres quilómetros que visitarán unha carballeira, dúas fervenzas e varios muíños restaurados ademais doutros lugares de interese. 

Comentarios