Contracultura

Alba Domínguez: "Os videoclips son un formato moi libre que permite gañar experiencia rapidamente"

Alba Domínguez, cineasta, é a persoa que está detrás dalgúns dos videoclips de Verto, Berto ou, máis recentemente, Ukestra do Medio. Domínguez aborda os procesos de creación, que varían con cada proxecto e equipo, xa que como ela di “os videclips supoñen un esforzo económico bastante grande para os grupos, polo que intentamos optimizar todos os recursos e o tempo o mellor posíbel”.
A directora Alba Domínguez combina o seu gusto polos videoclips coa montaxe cinematográfica (Foto: Nós Diario).
photo_camera A directora Alba Domínguez combina o seu gusto polos videoclips coa montaxe cinematográfica. (Foto: Nós Diario)

—Cando comezou a ter claro que quería orientar a súa carreira cara á música?
Estiven de Erasmus en Lisboa e alí participei nos meus primeiros videoclips. Aínda que non cheguei a dirixir ningún, este primeiro contacto grazas a unha materia serviume moito. Despois, cando tiña que facer o traballo de fin de grao (TFG) veu a pandemia, polo que quedou colgado o traballo no que ía participar. Aí decidín postergalo porque tiña claro que quería facer algo práctico e así decidín facer un videoclip. Este é un formato que sempre me interesou moito. 

Xa tivera algúns contactos coa música cando estudei na Escola de Música de Meaño, de onde son eu, mais a miña intención era enfocarme na montaxe cinematográfica. Isto é algo que fago igual, mais ese contacto que ten a música co vídeo e a edición tamén me interesa moito.

Cada proxecto é parte dunha aprendizaxe porque os videoclips son un formato moi libre no que podes experimentar moito e, sobre todo, gañar experiencia moi rápido. Polo que teño vivido, teñen unha cousa moi boa, que tamén é moi mala: tes que traballar moi rápido. Isto fai que cada proxecto sexa un mundo con moitas posibilidades e o interesante é que esas aprendizaxes poden verse nos vídeos. 

—Como é o proceso á hora de pór en marcha unha gravación?
Normalmente encárgome eu de todo o proceso, desde o principio até o final, aínda que depende tamén de se podo contar con alguén que se encargue das labores de produción ou se temos que repartilas entre as persoas que estamos. Ao final, os videclips supoñen un esforzo económico bastante grande para os grupos, polo que intentamos optimizar todos os recursos e o tempo o mellor posíbel. 

Eu dirixo e edito sempre e ás veces tamén fago a dirección de fotografía se non podo contar cunha persoa especialmente para este labor. Á hora de escoller persoas que actúen ocorre un pouco o mesmo: normalmente as escollo eu mais en proxectos nos que hai outra produción tamén tiramos de contactos e coñecidos seus. 

Este é un tema moi interesante dos videoclips, porque eu teño traballado con profesionais, mais tamén con persoas que non se puxeron nunca diante dunha cámara. Non adoitamos ir a axencias, tiramos de imaxinación e de persoas que poden encaixar, tamén contactando polas redes sociais. 

—O último videoclip publicado que dirixiu é o de Promesas, de Ukestra do Medio. Como xurdiu este proxecto?
Foi curioso porque foi o director de fotografía quen me contactou. Eu non o coñecía nin a el nin ao grupo, mais el precisaba alguén para a dirección e así comezamos a traballar. Unha das premisas que queríamos incluír é que fose un traballo en 16 milímetros. Eu persoalmente nunca o fixera, mais interesábame porque che obriga a traballar a toma única, porque o celuloide non é infinito nin moitísimo menos. 

Por parte do grupo tivemos tal liberdade que tamén puidemos pensar en cousas bastante tolas, que despois fomos depurando até chegar a esta historia. O concepto foi o de profundar no tema universal do videoclip: a frustración vital. A estética, os movementos de cámara, o concepto... Son decisións que tomamos desde a dirección de arte que xiraban arredor disto. 

Depende moito do grupo co que traballes, porque hai algúns que che deixan total liberdade e outros que queren implicarse na parte creativa e desenvolver o concepto connosco. Neste caso foi unha bendición porque nos dixeron a todo que si. 

Por iso creo que maduro tanto con cada proxecto, porque intentamos buscar cousas novas e aprendizaxes, aínda que tamén é certo que sempre tiven moita sorte cos equipos cos que traballei porque son persoas con moitísimo talento e igual de motivadas ca min.

Comentarios