martes 29/09/20
Música

Alba Barreiro amplía co seu novo disco o repertorio galego para arpa

"Por que non sacas un disco?", animou a Alba Barreiro o seu mestre Rodrigo Romaní hai dous anos. Agora chega 'Eixos Cromáticos', un disco que adapta pezas dos compositores galegos Andrés Gaos e Jesús Val y Gay para arpa clásica, contribuíndo a suplir un baleiro de repertorio para este instrumento na Galiza. 
A arpista Alba Barreiro [Eduardo Irago].
A arpista Alba Barreiro [Eduardo Irago].

A comezos do pasado mes tivo a súa estrea no Noia Harp Fest o primeiro disco da arpista Alba Barreiro. Fechábase así unha sorte de círculo, porque o longo proceso que deu como resultado este traballo comezara, precisamente, dous anos antes na correspondente edición deste mesmo evento. Foi o seu mestre, o reputado Rodrigo Romaní (Milladoiro), conta Barreiro a Nós Diario, quen lle dixo: "Alba, por que non sacas un disco?". E así, dunha conversa informal nun bar, empezou Eixos Cromáticos.

Cando Barreiro se puxo mans á obra decatouse dun baleiro: case non había repertorio de música galega para arpa clásica. Nese punto o traballo adquiriu unha nova dimensión. A intérprete embarcouse no minucioso labor de adaptar pezas de dous compositores fundamentais e dos que gosta particularmente para o seu instrumento, quer como solista (a partir de pezas para piano) quer en formato trío, con violoncello e frauta.

Os autores escollidos non son outros que Andrés Gaos e Jesús Bal y Gay, "dous piares moi importantes da nosa música", que, con todo, fóra do sector, son para moitas persoas nomes descoñecidos, admite a arpista. "Non se programan demasiado", di. Por iso tamén estaba entre os seus obxectivos contribuír a divulgar a súa obra na sociedade galega.

O cromatismo como punto de conexión

O título do disco, Eixos Cromáticos, fai xustamente referencia a un concepto que para a arpista une o traballo dos dous compositores. Porén, cada un execútao e explórao dunha maneira concreta. Gaos elabora "melodías cromáticas con moitas modulacións, aproveitando o sistema de pedais que ten a arpa", explica. Pola súa banda, Bal y Gay baséase nos "contrastes tímbricos", que tamén son unha característica moi propia do instrumento, cunha paleta de xogos tonais moi ampla.

"Adaptar os temas era como facer un sudoku", compara Barreiro

A adaptación foi a parte máis complexa de todo o proceso creativo. "Era como facer un sudoku", compara Barreiro, "tiñas moitas pezas e había que ver como encaixalas". Así, por exemplo, traducir unha sección de metais implicaba tomar a decisión de a que instrumento levalas, á arpa soa ou ao trío. Nesta escolla, alén de mirar sobre a partitura, á compositora axudáballe escoitar a gravación, enchouparse da intención da música en si, para ver máis claro como versionalo.

De Gaos a arpista seleccionou a "Suite Hispánicas", con tres pezas -"Habanera", "Zortzico" e "Muiñeira"- e tamén os "Cantos Celtas. En las Montañas de Galicia". De Bal y Gay, ficou coa "Oda a Don Quijote", e "Epitalamio", "Elegía" e "Ditirambo".

O coruñés Andrés Gaos (1874-1959) foi un reputado violinista, recoñecido ademais como compositor e director de orquestra, igual que polo seu labor docente. A súa actividade profesional levaríao a visitar salas de boa parte do mundo: Portugal, Francia, Bélxica, Alemaña, Italia, Rusia, Cuba, México, Uruguai... En 1895 instalouse na Arxentina.

Se o virtuosismo compositivo de Gaos é abondo recoñecido, esta faceta fica máis agochada en Jesús Bal y Gay (1905-1993), explica Barreiro, eclipsada polo seu traballo máis famoso de musicólogo. Nesta liña é autor, por exemplo, do Cancioneiro Galego -compilación que comeza no Seminario de Estudos Galegos, aínda que non vería a luz até 1974-, así como pola actividade intelectual que o colocou como unha das figuras significativas das Xeración do 27.

Foi fundador, en 1924, xunto a Álvaro Gil, Luis Pimentel e Evaristo Correa da revista Ronsel, e as súas publicacións sobre música poden atoparse, entre outros lugares, na revista Nós. No exilio en México foi xefe da Sección de Investigacións Musicais do Instituto Nacional de Belas Artes, contribuíndo tamén á compilación do folclore do país.

Desde a pandeireta á arpa

Barreiro comezou o seu contacto coa música a través da pandeireta e o baile galego, con tan só cinco anos, para logo estudar piano. Mais foi nun concerto de Rodrigo Romaní, a cargo da sección de arpas, cando decidiu que ese ía ser o seu instrumento, primeiro coa arpa celta e logo coa de pedais, arredor da cal se move este primeiro disco.

Barreiro compartiu moitos anos escenario coa Orquestra Folk Sondeseu. Habitualmente atopámola tocando en concertos coa Real Filharmonía da Galiza, a Orquestra Sinfónica e a Orquestra Vigo 430, ademais de en múltiples agrupacións de cámara ou bandas. Como solista, estreou a obra de Juan Durán “Pórtico da Illa de Monteagudo” e realizou colaboracións con recoñecidos artistas do panorama galego con proxección internacional, como Carlos Nuñez ou Xabier Díaz.

A gravación e os concertos

Na gravación de Eixos Cromáticos, con Xulio Abal nos controis, acompañárona Margarida Mariño no cello e Julia Estévez na frauta, aínda que agora, nos concertos, tivo que coller o relevo Pablo Mera. Logo de inaugurar a sétima edición do Noia Harp Fest, a seguinte cita sobre o palco confirmada será o 10 de outubro en Chantada. Hai máis en camiño, pero "co tema da Covid-19 custa moito fechar datas", conclúe Barreiro.

comentarios