Aki Kaurismäki: “Galiza debería ser independente”

O cineasta finés Aki Kaurismäki, interpelado por Sermos, afirmou esta tarde nunha rolda de prensa de Curtocircuíto: “Galiza debería ser independente”, para logo engadir cun sorriso: “pero se o facedes, logo non me botedes a culpa”. 

akikaurismaki
photo_camera Aki Kaurismäki [Foto: Tamara de la Fuente]

Sermos Galiza preguntoulle ao cineasta por unhas declaracións de xaneiro deste ano en El Periódico de Catalunya nas que afirmaba que o seu novo filme non ía ser rodado en España “senón en Galiza. Os cataláns non son os únicos que queren separarse de España”. 

Ademais de amosarse favorable á independencia, Kaurismäki -que vive boa parte do ano en Portugal- apuntou que “en Cataluña non saben nada sobre independencia” e mesmo se propuxo a si mesmo, con moita retranca, como posible Primeiro Ministro. 

O director independente realizou estas declaracións nunha rolda de prensa dentro do Festival Curtocircuíto, que proxectará varios filmes musicais que Kaurismäki realizou para a banda de rock Leningrad Cowbows. El púxolle modestia ao tema: “Só son curtas de rock, para ir á MTV e así”. 

"Trato temas como o desemprego ou sobre os que non teñen fogar, cousas que non interesan en Hollywood porque son pouco populares"

Ademais, o finés actúa como programador neste festival cunha sección especial titulada 'Signed by Aki K.', na que compartirá co público catro filmes referenciais para el: un de John Huston, outro de Aleksandar Ilić, outro de Gilles Charmant e outro de Clyde Bruckman. 

Kaurismaki é internacionalmente coñecido por filmes como Nubes pasaxeiras (1996) ou Un home sen pasado (2002), co que acadou a Palma de Ouro en Cannes. As súas fitas, cun particular estilo, xiran en torno a personaxes esperpénticos en difíciles situacións, están cargadas de humor negro e dun humanismo que gañou ao público de todo o mundo. "Trato temas como o desemprego ou sobre os que non teñen fogar, cousas que non interesan en Hollywood porque son pouco populares", declarou.

As súas palabras diante dos xornalistas foron breves, contundentes e cheas dun humor moi particular. Preguntado polos seus novos proxectos, retrucou: “Estou facendo un invernadoiro para a miña muller”. 

Comentarios