Airiños tampouco recolle o Premio da Cultura Galega

O Cadro Artístico Airiños de Asados (Rianxo) tampouco recollerá hoxe os Premios da Cultura Galega que a Xunta entrega hoxe no Gaiás. Despois de que onte a Asociación Internacional de Estudos Galegos anunciara que non recollería o Premio da Cultura en apoio ás mobilizacións do sector das artes escénicas, a decisión feita pública de Airiños pon aínda máis en evidencia o enfrontamento entre a Consellaría e o mundo da cultura.
Airiños de Rianxo
photo_camera Airiños de Rianxo

Tamén como apoio ás persoas que traballan nas artes escénicas e musicais é como explica o Cadro Artístico Airiños de Asados a súa negativa a asistir ao acto de entrega dos Premios da Cultura que terán lugar hoxe en Compostela, na Cidade da Cultura.

“Sumámonos así á Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que tamén se solidarizaron deste xeito coas persoas implicadas e comprometidas coa cultura de Galicia” explican no comunicado no que informan que non recollerán o Premio da Cultura na categoría das Artes Escénicas que lle fora concedido polo traballo desenvolvido desde o ano 1933.

Aclaran que non renuncian ao recoñecemento institucional “xa que son moitas as persoas que traballaron para chegar ata aquí” e pertence “a tantas outros veciños e veciñas de Asados e Rianxo que se subiron ás táboas durante tantos anos”. Explican que a decisión foi complexa mais foi a maioría a que decidiu sumarse á protesta do sector tetral e non acudir ao acto de entrega. “Apoiamos así ao sector teatral ao que, dende o afeccionado, pertencemos. E sumámonos a unha protesta que nos atinxe a todos nós: sexa como teatreiros que como consumidores de cultura” explican..

Comentarios