'Aire!', un disco froito da catarse do baile e da música

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, as músicas Caamaño & Ameixeiras presentan o seu primeiro disco, 'Aire!', no festival FestiLetras, que decorre na vila de Ponteceso. Sobre a chegada de 'Aire!', co verán no horizonte e coa expectativa de como serán os concertos poscovid, conversamos con Antía Ameixeiras.
Antía Ameixeiras, co violín, e Sabela Caamaño, co acordeón cromático, nunha imaxe promocional do seu primeiro disco. (Foto: Leticia T. Blanco)
photo_camera Antía Ameixeiras, co violín, e Sabela Caamaño, co acordeón cromático, nunha imaxe promocional do seu primeiro disco. (Foto: Leticia T. Blanco)

O primeiro traballo discográfico do dúo Caamaño & Ameixeiras leva por nome Aire!, “que vén do berro das foliadas, desa catarse colectiva”, explica Antía Ameixeiras en conversa con Nós Diario, que é de onde veñen estas dúas músicas, “de tocar nos bares e nas foliadas, este é o espírito que queriamos plasmar no disco e tamén por iso o gravamos en directo”.

Así pois, Aire! é unha festa do sensorial, que se compón por 11 temas que achegan a persoa que o escoita a un abano de músicas e bailes populares, “que ten sempre a Galiza como punto de orixe e de retorno, como latido constante, e pondo en evidencia a irmandade entre tradicións”.

Nestas once pistas, Caamaño & Ameixeiras son absolutas protagonistas mais tamén comparten a música con colaboracións doutras profesionais como é o caso de Silvia Pérez Cruz, Abraham Cupeiro ou o grupo Fetén Fetén, cuxo violinista, Diego Galán, é ademais o produtor de Aire!

“No disco quixemos que houbese un pouco de todo, catro ou cinco que son a dúo, gravados en directo, sen claqueta e sen retoques, e por outro lado temos outras cancións máis producidas, con máis colaboración”, explica Ameixeiras. 

Colaboracións especiais

A participación de Silvia Pérez Cruz foi para Antía e Sabela particularmente especial. Levadas xa pola admiración cara a esta música, entraron en contacto “no verán de 2019, nun curso de percusión ibérica en Catalunya, onde soubemos que tiña unha avoa galega” e desde aí as músicas decidiron proporlle que colaborase nun dos temas do disco.

“Explicounos que se o tema a emocionaba, miraría de facer un oco para gravar, e gustoulle moito así que decidiu gravalo, e a nós encantounos como quedou... Sobra dicir que é unha maga!”, recalca Ameixeiras.

Con Abraham Cupeiro a relación xa era máis próxima, “é compañeiro de Sabela no Conservatorio da Coruña, pois compaxinan a vida artística coa docencia”. Así  que, conta Antía Ameixeiras, esta relación previa, “moi boa, moi próxima” tamén levou a que Cupeiro asesorase a Caamaño & Ameixeiras en canto a concertos, festivais... “É unha marabilla poder contar con el, e no disco toca a trompeta, as cornas mais introduce efectos particulares”, relata Ameixeiras. 

“Queriamos que estivesen os dous modos de facer, Caamaño & Ameixeiras soas, sen claquetas, e as colaboracións porque tamén nos concertos nos gusta sempre convidar a amigos e amigas, compartir a música sen deixar de reivindicarnos como dúo e que nós soas temos o noso son particular”.

De natureza principalmente instrumental, aínda que incorporando tamén algún tema vocal coidadosamente escollido, Caamaño & Ameixeiras toma como punto de partida a tradición, entendida como algo vivo e en constante cambio, para crear a súa propia linguaxe.

A pesar do confinamento

Logo de algo máis de dous anos tocando xuntas, cunha proxección que as leva a moverse e compartir escenario con outros músicos xa consolidados, e un ritmo de traballo veloz para estes tempos de pandemia, Antía Ameixeiras lembra como empezou a dar os primeiros pasos o dúo e como se puxo en marcha este primeiro disco. 

“Coñecémonos nun festival de baile no que tiñamos unha amiga común, que nos comentou que deberíamos facer un dúo porque vía que podía funcionar moi ben. Comezamos a quedar e, efectivamente, hai unha conexión moi forte, tanto profesional como persoal. Empezamos tocando e fixémonos moi amigas. Pouco a pouco foise estabelecendo o dúo e agora tomamos a decisión de facer un disco en serio e con moitas ganas de que saia adiante, que saian concertos...”.

"Iamos gravar xusto cando empezou a pandemia, tiñamos máis ou menos preparado ese arranque, esa gravación", explica Ameixeiras. "Logo, coa pandemia, xurdiu un tema novo a raíz de todo o que estaba a pasar e decidimos incorporalo, xa que se alongou todo o proceso de gravación. A Covid-19 paralizouno e atrasouno, mais xa estaba indo para adiante", asegura.

Antía Ameixeiras tamén conta, esperanzada, que están "optimistas porque van saíndo as cousas, nun ano normal sería todo máis sinxelo, mais temos a previsión dun verán bastante movido, aínda que quero reivindicar que se precisa máis apoio por parte das administracións porque o panorama cultural quedou abandonado, cancelado".

E por outra banda, "a música que nós facemos é para bailar, e non se pode, aínda que a muiñeira é un baile sen contacto físico", lamenta, "mais tamén vemos que a xente se esforza para que nos sintamos igualmente cómodas".

A xira comeza en maio co Festiletras

O 17 de maio o Festiletras acolle a presentación de Aire! e desde alí, o 22 é a quenda de A Arca da Noe. En xuño chegan a Catalunya e actúan o día 5 na Asemblea Cultural Galega de Barcelona e no Caixaforum. O 10 de xuño tornan e actúan en Ferrol, o 20 van até Riós e o 14 de agosto achéganse a Laxe.

Comentarios