O grupo mestura musica tradicional galega con sonoridades contemporáneas

Ailá convida "a facer festa" coa fusión de ritmos tradicionais e da emigración

O grupo Ailá vén de presentar o seu primeiro traballo musical, no que recollen unha serie de temas tradicionais galegos que mesturan con "sonoridades da música contemporánea". Para este disco, o grupo realizou unha  investigación nos arquivos públicos e privados da música tradicional da Galiza.
Xan Pampín, Manuele Pardo, Ángela Carou e Albel Gañete forman o grupo Ailá, que vén de lanzar o seu primeiro disco homónimo.  (Foto: Sara Pardo Lareo)
photo_camera Xan Pampín, Manuele Pardo, Ángela Carou e Albel Gañete forman o grupo Ailá, que vén de lanzar o seu primeiro disco homónimo. (Foto: Sara Pardo Lareo)

Da redución ao máis esencial do mítico retrouso da tradición oral da Galiza "Ailalelo, ailalalá" nace o nome da formación musical Ailá. 

O proxecto, integrado por Xan Pampín, ao acordeón e ao bombo; Manuele Pardo, voz, percusión e gaita; Ángela Carou, voz e percusión, e Abel Gañete, fiscorno e trompeta, nace das noites de foliadas na Casa das Crechas (Santiago de Compostela). "Ángela Carou e Abel Gañete foron alumnado meu cando eran cativos e os camiños volvéronse xuntar nese lugar", sinala Pampín en conversa telefónica con Nós Diario.

Co mesmo nome do propio grupo, Ailá vén de lanzar o seu primeiro disco, que reflicte a premisa de que "o baile é inseparábel da música festiva".
Cun repertorio que aposta pola hibridación das músicas populares galegas con sonoridades actuais, Ailá realizou unha investigación nas composicións de baile galego. 

A través da análise dos arquivos sonoros públicos e recollidas particulares, o grupo propón unha ducia de temas, máis un de agasallo, que aposta por unhas "coidadas e meticulosas métricas e rimas que poñen de manifesto a vixencia e necesaria reivindicación da esencia da música de creación colectiva". 

"Existen miles de horas de gravacións, arquivos únicos e singulares que merecen ser estudadas e dadas a coñecer", expón Pampín. 

As trece composicións están pensadas "para que a xente baile con elas; temos ritmos clásicos da nosa terra como a muiñeira e a xota, mais tamén outros traídos da emigración como son os valses, as rumbas ou habaneras". Todo isto, "pasado pola nosa 'peneira' artística" na que dan a súa propia sonoridade máis contemporánea. 

O trompetista Abel Gañete explica que "xa este tipo de formación, con unha trompeta e un acordeón e dúas voces, unha masculina e outra feminina, non é o máis habitual" e "isto é o que tamén nos dá a nosa sonoridade máis orixinal", engade Pampín. 

Entre as diversas cancións que se poden destacar, como A Xitana, "a miña favorita", aclara Gañete, unha muiñeira que xorde a partir dunha das gravacións feitas por Gustav Henningsen no ano 1967 no concello de Coles, na comarca de Ourense; ou Seisdedos "un pasodobre que ten un aire moi balcánico e no que xogamos moito co cambio de tempo lento e rápido até a fin para darlle un final apoteótico", apunta o acordeonista. Este tema ten como referencia unha recollida nos Seixedos, nas montañas do concello de Covelo, "isto fai que sexa unha peza cun estilo melódico moi coñecido e que ten moito éxito no sur da nosa terra". 

Outro dos seus temas, que foi un dos adiantos do disco e xa conta con videoclip, é a Muiñeira de Frades. "Foi a primeira peza que montamos no grupo e presentámola como adianto por ser a que máis interiorizada tiñamos e a que mellor recollía o noso estilo", sinala Pampín. 

Na peza audiovisual resalta a "integración interxeracional" que se reflicte nunha parella danzando baile tradicional galego con roupa actual. "Antes da pandemia daba gusto ver como cada vez máis xente moza se animaba a participar nas foliadas e nos seráns", indica Ángela Carou en conversa co xornal.

Esta canción, inspirada nunha recollida feita por Baldomero Iglesias no concello de Frades, destaca tamén no seu deseño gráfico do disco. Serxio Cobos, creador do sistema de transcrición para os pasos do baile tradicional, coñecido como bailegramas; foi o encargado de plasmar este deseño. "Neste Cobos mestura a música e a danza de forma gráfica a través de círculos completos para representar un todo, que é o que queremos transmitir con este traballo, que a música e a danza van sempre ligadas", conclúen desde o grupo. 

Comentarios