Aida Tarrío e Olaia Maneiro, de Tanxugueiras, con Covid a dous días de debutar en Benidorm

As dúas artistas atrasaron a viaxe ao País Valencià por precaución. Outro dos participantes no certame, un membro do grupo Unique, tamén positivo por Covid-19.
Tanxugueiras na Sala Rebullón (Foto: Trece Amarillo)
photo_camera Tanxugueiras na Sala Rebullón. (Foto: Trece Amarillo)

Dúas das tres integrantes do grupo galego Tanxugueiras, que participarán esta cuarta feira na primeira semifinal do Benidorm Fest, padecen SARS-CoV-2, segundo confirmaron este domingo por medio das súas redes sociais.

“Aínda que parte do equipo xa está en Benidorm, Aida [Tarrío] e Olaia [Maneiro] viaxaremos nos próximos días por precaución”, subliñaron, matizando que “estamos ben e recuperándonos. E, por suposto, tamén desexando chegar para poder compartir convosco Terra”, polo que non parece que corra perigo a súa presenza no certame que elixirá a representante do Estado no festival de Eurovisión.

O grupo galego recibiu esta semana críticas por parte do medio estatal ABC, que cuestionou como a formación amosa que "o folclore ten dificultades para pórse ao día e saír do agro e das enaguas".

Outro dos participantes no concurso que decorrerá no País Valencià, un membro do grupo Unique, confirmou o seu positivo por Covid-19.

Retirada por 'autotune'

Neste caso de forma definitiva, non estará en Benidorm a cantante Luna Ki, que estaba encadrada na primeira semifinal xunta as Tanxugueiras.

A artista comunicou o domingo á organización do festival que tomou a decisión de non participar ao non poder utilizar autotune, o que está prohibido polas normas de Eurovisión.

Autotune é unha tecnoloxía que por medio dun software permite a modificación da voz. Aínda que o seu uso está moi estendido na industria musical, tamén recibe críticas por influír negativamente na percepción e no consumo da música, ao diminuír o valor da voz das e dos artistas na interpretación musical.

Comentarios