O agro festexa a súa tradición: o pan na Baixa Limia e a pisa da castaña no Courel

Os traballos comunais do agro recupéranse con festas no rural. Esta fin de semana, vólvese cocer o pan no forno comunal na adela de Pereira, en Bande, mentres no Courel xúntanse para a pisa da castaña.

Festa do pan
photo_camera Festa do pan

O tecido asociativo recupera tarefas do agro xa abandonadas para convocar festas coa participación activa da veciñanza. O 6 de decembro, na aldea de Pereira, en Bande, cocerán de novo o pan no forno de pedra. A Asociación Cultural Pereira Adiante ultima preparativos para a Festa do Pan da Baixa Limia. “Un dos motivos fundamentais que nos empurrou a recuperar este tipo de actividade foi a necesidade de poñer en valor a cultura e o patrimonio etnográfico que, ao noso ver, deben ser algo dinámico, non só cumprir a función de antes senón tamén seren recurso cultural”, explica Rubén Fernández, un dos máis entusiastas impulsores da festa. 

"A cultura e o patrimonio etnográfico deben ser algo dinámico, non só cumprir a función de antes senón tamén seren recurso cultural”, explica Rubén Fernández,

Por volta das cinco da madrugada prenderase o lume no forno, devagar, sen presión, como facían as xeracións que poboaron antes Pereira, nese forno que compartían e que agora amañaron coa vontade de quen os sucedeu. Catro horas despois comezará o obradoiro de panadaría para crianzas e maiores e doce casetas estarán xa instaladas para mostrar traballos da veciñanza e das asociacións da comarca. O pan estará pronto para comer polo mediodía, co arrecendo e o sabor de antano, cando os Gaiteiros de Lobeira poñan música á xornada que continuará despois con xogos populares. “Será a sétima edición e coa mesma idea de que a elaboración do pan sexa algo vivo. Ademais de rememorar a tradición na maneira dunha festa, que implique á xente e que serva para promocionar a comarca, é dicir, unha iniciativa transversal”, engade Rubén. Moito ambiente rodeará na xornada o forno que, noutrora era tamén lugar de encontro cunha actividade tan intensa que o fixeron merecente do nome de “O Casino”. 

E vólvense secar as castañas

Da Baixa Limia ao Courel o pan múdase polas castañas para unha cultura do agro feita festa comunal. No lugar de Froxán o vindeiro 7 de decembro volverán a pisar a castaña, un labor que se perdera mais que a festa animou a que volvera ás casas da aldea. A Asociación Fonte do Milagro naceu precisamente con este obxectivo, para organizar a Festa da Pisa que vai xa pola súa decimo sexta edición. “Levábase xa moito tempo sen facer a pisa tradicional e pareceunos interesante non perder ese traballo así que ideamos a festa para recuperalo”, comenta Evaristo Méndez dun día longo no que en Froxán non só pisan senón que se mostra o proceso do secado, explícanse os segredos dos sequeiros e outros aspectos relacionados coas castañas, produto que se consume logo en compañía de pratos de carne do porco. 

“O obxectivo primeiro era recuperar a tarefa mais non pensabamos que ía ter o éxito que está tendo. Cada ano hai máis xente e o lugar xa se nos queda pequeño. E non só lle gusta aos que veñen senón que aos nosos vellos tamén lles fai moita ilusión que se volvera a pisar a castaña”, conta Evaristo Méndez. O resultado? Entre outras cousas que varias familias se animaron a secar castañas, traballo que xa estaba esquecido. As castañas secas agora son xa do propio lugar. 

Comentarios