Agra do Orzán, un barrio con banda sonora en construción

A música como sinal de identificación dun barrio. O proxecto “Música en branco. Memoria da Agra do Orzán” fai xirar un programa de acción arredor da memoria sonora e musical do barrio da Coruña. Xurxo Souto deu conta del no autobús da liña 7, a que atravesa o barrio. 

Xurxo Souto na primeira Bariografía
photo_camera Xurxo Souto na primeira Bariografía

Despois dunha primeira etapa de investigación, “Música en branco” pasa a acción e para iso, subiron no bus urbano coa idea de dar carta de natureza ao programa, destacar o seu perfil popular, para o que o transporte público do barrio acaía mellor que ningún escenario. Desenvolvido por Sinsalaudio para a Concellaría de Cultura, tivo a súa primeira acción no programa radiofónico ao vivo protagonizado por Xurxo Souto na liña 7, presentando unha das liñas de actividade, os programas de radio chamados “Barriografías” que comporán a memoria sonora do Orzán. 

 Julio Gómez, de Sinsalaudio, explicou que esta recuperación activa e participativa nace do proceso de investigación previo e xunta dous elementos singulares do barrio, a música -protagonista da iniciativa- mais tamén a veciñanza, da que se agarda unha participación activa en toda a programación. ‘Posta en valor dun pasado, pero proxecto de futuro’ dixo Gómez. 

O retrato sonoro do Orzán, un barrio no que habitan 30.000 persoas, é, ao dicir de Xurxo Souto, un ‘maremagnum sonoro’. ‘As radiografías son experiencias inauditas, que transformarán un barrio da periferia nun centro de atención. Será o primeiro barrio radiografado do mundo’ destacou Souto que conduciu o primeiro programa canda Ángel Campos, memoria do Orzán, e o músico Manuel Martín, Mangüi.  

Bariografías, paseos e o mapa

Despois dunha fase previa de investigación desenvolvida nos últimos meses na que se realizaron máis de sesenta entrevistas coas que se fixo un mapa sonoro do barrio, recuperando a memoria a través do son e conseguindo que as persoas constrúan a súa propia biografía en función da música. Para o programa, a área da Agra do Orzán está definida pola propia memoria da veciñanza e esténdese até San Pedro de Visma, Os Mariñeiros, O Ventorrillo ou A Silva ademais da Rolda de Outeiro, Avenida de Fisterra, Rolde de Nelle e O Peruleiro. 

Ademais das Barriografías, o programa de radio itinerante de Xurso Souto, ‘Música en branco’ inclúe paseos urbanos, da man do colectivo Microprojets de Cristina Anllo, e que establece catro rutas, a acción artística ‘Contenedor de feminismos’ con Carme Nogueira, Anxela Caramés e Uqui Permui ou ‘Notours’ que converte o barrio nun museo intelixente, coa elaboración de audioguías. 

Co  ‘Microproxector de intervención musical’ lanzarase o día 30 de maio unha convocatoria para a presentación de novas actividades para un proxecto que incluirá tamén intervencións nas aulas. A través da web construirase un mapa sonoro e musical con arquivos de materiais producidos a través da iniciativa e, finalmente, unha exposición sonora fará partillar á veciñanza e visitantes no mes de outubro no Centro Ágora tanto das distintas experiencias como da memoria sonora acumulada e con futuro da Agra do Orzán. 

Comentarios