UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Mariví Villaverde: "Agora sei que nunca vou esquecer o golpe militar"

Que lle outorgaran o Premio do Día da Galiza Mártir e fose nomeada republicana de honra define, en certa medida, unha dimensión privilexiada na biografía de Mariví Villaverde. Estamos diante da memoria viva da nosa historia, a voz que denuncia o horror do franquismo e contribúe a que a represión non se esqueza

Marivi Villaverde
photo_camera Marivi Villaverde

Mariví Villaverde (Vilagarcía de Arousa, 1922) cumpre catorce anos cando chega a Francia no seu primeiro exilio despois do golpe militar de 1936. En Tres tempos e a esperanza relatou a súa biografía, na súa loita persoal e política contra o esquecemento.

-A República é a súa infancia, o tempo feliz en Vilagarcía.
-Lembro o día que o meu pai anunciou a súa chegada na casa, foi emocionante. Vilagarcía cambiou moito naquel tempo, de ser unha vila pequena foi agrandándose e mellorando en moitos aspectos. Non tiñamos unha praia en condicións e naquel tempo faise o proxecto da Compostela, onde se podía bañar, xogar ao tenis ou bailar pola noite. A mentalidade da xente tamén cambiaba. Chegou o cinema sonoro. De ser unha vila onde viñan barcos franceses e ingleses para coller xente que emigraba, con aquelas terríbeis despedidas, pasamos a ter motivos para sentirnos satisfeitos por ser de Vilagarcía.

-Seu pai, Elipidio Villaverde, era entón alcalde.
-Volcouse na transformación de Vilagarcía. Estaba feliz vendo os cambios e a modernización da vila.

En ningún momento contaron co que ía vir despois?
-Non, en absoluto. Non digo que non houbese problemas, que os había. Nas primeiras eleccións deuse o debate sobre o voto das mulleres. Era absurdo que houbese deputadas e as mulleres non puidesen votar pero tamén é certo que logo se demostrou que o crego era quen mandaba, que influía de xeito tremendo no seu voto e iso explica o trunfo das dereitas.

-Despois de 1936 comeza un longo exilio que tería varias etapas. Como lembra aquela primeira fuxida?
-Cumprín os 14 anos na noite que cheguei a Franza, despois dunha longa viaxe en que atravesamos o estreito de Xibraltar. Lembro que cando o barco se puxo en marcha comecei a chorar intensamente. Con esa viaxe perdía todo o que tiña, a familia que alí quedaba, os meus estudos, as miñas amigas, todo o meu pequeno proxecto de vida, porque tiña poucos anos. A sensación era tremenda. Non sabía cando podería recuperar algo de todo aquilo. Comecei a chorar e miña nai acariñoume e tentou consolarme dicíndome que non marchabamos para sempre, que algún día iamos volver.

Lembro que cando o barco se puxo en marcha comecei a chorar intensamente. Con esa viaxe perdía todo o que tiña, a familia que alí quedaba, os meus estudos, as miñas amigas

-Seus pais volveron algunha vez?

-Nunca. Miña nai conseguiu voltar uns días a Vilagarcía para ver a familia, pero ao meu pai non o deixaron. Nunca.

-A súa biografía está marcada polo exilio. Que significa para vostede?
-Unha gran perda. Conseguimos ir a Bos Aires porque tiñamos unha bisavoa de nacionalidade arxentina pero o goberno non axudaba os exilados. A maior parte dos que viaxaron no Massilia foron para Chile grazas a que Pablo Neruda conseguira os visados. O exilio era a gran perda. O médico Sánchez Guisande, por exemplo, tivo que repetir a carreira materia por materia cando gañara a cátedra de Anatomía Patolóxica en Zaragoza. Perdeu tamén os seus fillos e só os recuperou de maiores. Tamén había avogados que trataban os casos, pero quen asinaba era un arxentino, xa que eles non podían.

A maior parte dos que viaxaron no Massilia foron para Chile grazas a que Pablo Neruda conseguira os visados

-Galiza non deixa nunca de estar presente e vostede toma parte de publicacións e teatro en Bos Aires.
-Foi máis tarde porque quince días despois de chegar diagnosticáronme unha tuberculose que daquela era unha sentenza grave. Nunca perdín, sen embargo, a esperanza de recuperarme. Coñecera a Ramón na Franza e estiveramos xuntos só tres días pero quedamos os dous prendados. El pensaba vir a Arxentina pero detivérono e trasladárono a Ávila, un cárcere que Victoria Kent anulara por inhóspito.

-Canto tardaron entón en volverse encontrar?
-Non nos volvemos ver até cinco anos despois, na estación de tren de Redondela. El estaba aínda en liberdade condicional e non o autorizaron a irme recibir a Bilbao, onde chegaba o barco.

-Comezan entón unha vida xuntos en que compartirían de novo o exilio.
-Ramón rematara un maxisterio especial polo que lle outorgaban unha praza determinada. A el tocáralle Vigo pero nunca se incorporou. Só despois da ditadura unha iniciativa parlamentar permitiulle recuperar o seu posto e exercer tres anos como mestre. O exilio foi parte da nosa vida.

-Do tempo en Bos Aires sempre lembra a imaxe de Castelao. Como é para vostede a súa memoria?
-Son varias as etapas que lembro, a primeira cando aínda non estaba enfermo e asistía xunto a meu pai ás reunións de cada luns na casa de Manuel Puente. Castelao non estaba en ningún centro específico porque quería ser de todos e para todos co fin de que, malia as diferenzas entre uns e outros, todo o mundo traballase por Galiza. Era a figura para todo o exilio e tamén para os emigrantes. O día que morreu eu estaba diante do Centro Galego cando pasou a comitiva. Coches e máis coches pasaban con coroas e a xente que había por alí pensaba que era o enterro dun presidente. Nin imaxinaban que un home chamado Castelao que chegara a Bos Aires había relativamente pouco tempo puidese mobilizar tanto.

Castelao non estaba en ningún centro específico porque quería ser de todos e para todos co fin de que, malia as diferenzas entre uns e outros, todo o mundo traballase por Galiza

-Teima en que se restitúa a verdade e se recupere a nosa memoria histórica. No seu libro Tres tempos e a esperanza afonda nesa idea.

-Nunca a perdín e quixese non facelo até o momento da morte. Cando comecei co meu libro cría que podía esquecer todo o que acontecera e por iso tiña que deixalo por escrito. Estaba confundida porque agora sei que non o podo esquecer nunca. Son eu e todo o vivido e iso non mo pode quitar ninguén. Transmitir a memoria naquel momento era como unha obsesión, ás veces mesmo me erguía da cama pola noite e me puña a escribir. Desde o punto de vista emocional foi moi importante porque a medida que escribía ía lembrando as pequenas cousas que pasaran, como se as revivira de novo.

Reside en Madrid, onde vostede e Ramón se instalaron á volta de Bos Aires.
Foi dezasete anos despois de ter marchado. Ramón tiña moitas ganas de volver e primeiro vin eu, despois de pasar un mes co meu fillo que estaba estudando en Checoslovaquia. Cando estaba en León, de camiño para Galiza, sentín que en Arxentina houbera un golpe e entón decidimos que iso pintaba moi mal e que o mellor é que eu non regresara e Ramón volvese en canto amañase alá as cousas. Fómolo buscar ao barco en Vigo e levamos un bo susto porque non baixaba. Estábanlle facendo un interrogatorio que só rematou dúas horas despois. Decidimos entón que o mellor era marchar para Madrid. A xente que quedara aquí era moi distinta dos amigos que el deixara, de feito, en Galaxia negáronse a publicarlle O Naranxo. En Madrid, atoparse co grupo de galegos do Clube de Amigos da Unesco foi unha verdadeira sorte.

Nota: Con esta entrevista, que resgatamos do número 1 do semanario (8 de xuño de 2012), damos comezo á publicación dunha serie de pezas através das cais repasaremos os cinco anos de existencia de Sermos nos quiosques.

Mariví Villaverde, a protagonista desta conversa, faleceu este domingo 23 de abril aos 95 anos.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios