CAXADE LANZA NOVO DISCO, 'E ISTO É O AMOR'

“Agora o reto é ir máis alá da moda”

Caxade chegou para quedar. O 21 de maio presenta en directo na compostelá sala Sónar o seu segundo disco de estudio recén saído do forno, E isto é o amor, e logo inicia unha xira por todo o país. Falamos coa persoa detrás do proxecto, Alonso Caxade. 

 

caxade
photo_camera Caxade

- Logo de ser a revelación do momento co teu primeiro disco, Dança dos moscas, o teu segundo disco é un reto maior...
- Efectivamente é un reto grande. A crítica habitual que se lle fai ao segundo disco é que ou é o mesmo que o anterior ou o de antes era mellor. Sabendo que esas son as dúas lousas ás que enfrontarse, eu aínda lle botei unha acha máis ao lume, que é parar os concertos cando aínda se seguían vendendo. Decidín parar 5 meses e agora sacar este novo disco. A razón foi basicamente para para non saturar demasiado e para gardar a sorpresa do novo disco e non xuntar unha cousa con outra. Para min é un reto maior porque había xente que aínda demandaba máis concertos do disco anterior, pero nunca penso en algo que poida gustarlle ao público ou estrictamente que vaia para o público. Son músicas que están aí gardadas, algunhas das que van neste disco levan 3 anos na neveira, e outras foron feitas despois incluso da primeira quenda de gravación, é dicir, teñen a penas uns meses. 

- Segues a ser fiel á túa estética sonora e tamén gráfica. E ambas as dúas son xa inconfundibles.
- Esa é unha das ansias, que o proxecto teña forma, teña sentido e que teña contido para que trascenda máis alá dunha moda. É moi bonito cando un está de moda, cando é revelación, e chega de novo... iso para min foi importante e estou inmensamente agradecido, pero agora o reto é ir máis alá desa moda e que se perciba como un grupo, un artista que ten interese de quedar, que non é simplemente anecdótico. O feito de que haxa un estilo, unha estética tanto sonora como visual, nos videoclips, nas fotos, na instrumentación e demais, é algo que tamén me preocupa porque levo moito tempo dándolle voltas a un proxecto persoal. Tivemos a sorte de xirar moitísimo, con 100 concertos de presentación, por moitos sitios e en moitos contextos distintos, por tanto por moitos públicos, e iso deunos o contacto e o feedback directo. Fixemos moitas viaxes xuntos, máis que ensaios, e iso dá lugar a moita reflexión e contraste para ver por onde levar o grupo, como facer algo anovador, así que para min é un dos retos: por unha banda seguir investigando na música e facer o que quero e o que me peta na gana pero, ao mesmo tempo, cuns patróns que están claros.

“Volve haber metáforas, hai cousas mesmo máis encriptadas que no anterior”

- Tamén presentaches un videoclip de fermosa feitura dirixido por Leandro Lamas. 
- Esa foi unha das sortes, nesta ocasión puiden liar a un grande como é Leandro, que xa forma parte da historia da pintura galega, pero non é tan coñecida a súa faceta como director de teatro, que tamén o é, aínda que sexa de teatro amador, cunha compañía en Narón que se chama Carracha na Cacha Teatro. E con esta compañía  fixemos o videoclip E isto é o amor! Para min é unha marabilla porque eu sempre sentín que a miña música é a banda sonora dun cadro de Leandro, a verdade é que sempre o admirei, sempre crin que tiñamos moita relación na estética, nos dobres e triples sentidos, un contexto moi naif, moi banal, infantil, pero con detalles moi profundos, as cores, a estética visual, cousas nas que eu me sentía moi identificado, e o vídeo é o resultado esperadísimo, é un traballo de creación de Leandro a partir de ideas que eu lle ía dando e que el soubo captar perfectamente. Ademais é fan do grupo. 

- Continúas con letras reivindicativas, recuperas a metáfora da xente pota e falas do Independence Day
- A idea é, como no anterior, que haxa diferentes niveis, capas na música e na poesía, quen queira disfrutar simplemente dunha primeira escoita, esquecer do que din as letras sen moito máis, pode facelo, ten esa primeira percepción infantil, naif, mesmo surrealista. Con esa primeira escoita o meu obxectivo é que a xente quede satisfeita. Se a maiores alguén quere darlle unha segunda ou terceira, que tamén haxa un sustrato, que haxa máis solo por abaixo. E si, volve haber metáforas, hai cousas mesmo máis encriptadas que no anterior, pero é unha motivación, por outra parte está todo adubado polo amor, mesmo o amor como violencia, que está tamén aí descrito porque tamén o hai. Ou a violencia do amor, o amor pola crianza... hai moitos tipos de amor. Tamén hai cousas máis directas, como a do Independence Day, que non é só un reclamo político, senón tamén é falar da independencia do ser humano, de crear seres libres que poidan ter posibilidades distintas das que nós tivemos coas súas nacións e coas súas vidas. 

- Unha das poucas colaboracións é unha letra de Sechu Sende, a do single 'E isto é o amor', precisamente. 
- Con Sechu nace a relación de maneira anecdótica, e a letra estivo gardada a letra durante moito tempo. El escribiume ao pouco de sacar o primeiro disco e díxome que el escoitaba os seus poemas con músicas coma as que eu facía, por exemplo, “este que che envío”, me dixo. E quedou na neveira dous anos aproximadamente até que me puxen con el hai oito meses para darlle forma. Cando o lin pareceume moi bonito, con moito substrato detrás e que me encaixaba perfectamente na idea deste segundo disco. 

- Desta vez xuraría que tes máis música tradicional. 
- É curioso, hai dúas perspectivas e son as dúas acertadas. Nestes dous ou tres días desde o lanzamento hai xente que me di “este disco é máis indie, máis pop” e eu non o sei, o que fixen neste caso é ter aínda menos tabús. Creo que efectivamente hai máis pop neste disco, pero sen dúbida tamén moita máis música tradicional. A razón das dúas percepcións é porque hai sintetizadores, hai algo de electrónica. A partir de aí hai pezas tradicionais, a verdade é que non tiven tabús. No primeiro intentei para ter unha estética propia, ía máis empacado todo, e unha das críticas do primeiro é que era moi similar, que por momentos, que era tan propio, tan persoal que rozaba a monotonía. Pero é difícil contentar a todo o mundo, así que fixen o que me pedía o corpo. 

“O meu seguinte obxectivo é traballar na profesionalización”

- Entón ademais desta, cal cres que serían as diferenzas co disco anterior?
- A diferencia máis clara é que tivemos tempo. O anterior disco non sei nin como chegou a soar como soa. Un grupo que seis meses antes do disco non existía, estaba eu só na casa. A partir de aí había concertos cando non había en axenda practicamente ensaios. Montamos un produto ao revés, empezamos a ensaiar e entramos no estudio cando non se experimentara no directo coas músicas. O normal ao revés, sacas o grupo, miras a resposta do público e logo gravar. Ese disco foi gravado a cuartos de hora, todo moi precipitado e saíu, está aí. O que non está é a calma. Neste empezamos a gravar hai cinco meses unha tandada de pezas, e tamén tivemos tempo a investigar o timbre que quería conseguir. 

- Neste proxecto ti falo practicamente todo, desde a parte máis artesanal á produción e a comunicación. Parece todo dunha factura artesanal, con moita atención aos detalles. Pregúntome se o teu obxectivo é ir cara a profesionalización.
- Véxoo moi complicado. Sinceramente si que me gustaría. Non era o meu obxectivo principal, non o é tampouco agora mesmo, pero si que é certo que me gustaría polo menos escoller. O meu obxectivo principal era poder expulsar un proxecto novo, como cando un ten unha area no zapato, párase, desamallóase e quita a area e volve a camiñar. E para seguir avanzando, para  facer outras cousas, mesmo a nivel persoal, tiña esa ansia de sacar un proxecto musical feito por min. Dunha vez que iso está feito, é unha sorte que fora ben acollido polo público, o meu seguinte obxectivo é traballar na profesionalización, en xeral, das artes escénicas para que as fillas das nosas fillas teñan polo menos a oportunidade de escoller se queren dedicarse á artesanía ou a unha industria musical. A min traballar na artesanía da música non me estorba. Teño outro traballo, no que me sinto plenamente realizado, pero si que é certo, si que me gustaría polo menos ter oportunidade de pensalo, pero non hai industria cultural, por tanto pensar que un artesán pode competir cunha grande superficie, é bastante ridículo, son planos distintos. Non o sei, o de delegar tamén me gustaría poder facelo. Ás veces vexo que rozo a incompetencia e ao final o que me gustaría é compoñer e tocar, pero supoño que iso lle pasa ao 101% de grupos no país. 

“Non hai industria cultural, por tanto pensar que un artesán pode competir cunha grande superficie, é bastante ridículo”

- Tes unha xira de presentación potente con concertos en varias cidades do país, e tamén en Toulouse. 
- Si, iso foi unha sorpresa grande, é un festival moi potente, de renome. Rio Loco dedícase a un estilo ou a unha estética sonora, e este ano dedícase aos países celtas. E é tanto un orgullo como unha sorpresa, porque unha vez máis volvemos a saltar a Península onde de momento nos sigue sendo imposible parar, máis alá de GZ e Portugal, para pasar a Toulouse. En canto ao país, sabía que habería certa expectación polos concertos, e houbo demanda por parte das salas. En seis semanas hai nove concertos, e e iso demostra que hai moitas salas que confían sen escoitar o novo, e iso é de agradecer. 


 

Comentarios