UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Ágora. Filosofía en feminino

Screen Shot 2017-05-16 at 10.49.57
photo_camera Amenábar dirixe Rachel Weisz

A ágora é o espazo que define e proxecta o triunfo da razón na polis grega. Un lugar tan concreto como universal, símbolo de liberdade e democracia entendidas como participación real dos cidadáns na construción do Estado e do porvir. A ágora vence ao mito, ao fanatismo da irracionalidade. Unha promesa configuradora da occidentalidade. Alejandro Amenábar acerta co título e coa intención. De novo con Mateo Gil, escribe un guión que encerra en si a aventura da volta á orixe, ao arjé da civilización.

A película estreouse en Cannes en maio do 09, e logo en Toronto. As dúas portas de entrada con selo de garantía nas carteleiras europeas e estadounidenses. Algo non funcionou como o director desexaría. A crítica foi eloxiosa, mais severa. Alejandro Amenábar decidiu recortar vinte minutos da metraxe orixinal, da que el consideraba idónea. Perxurou que foi unha decisión esctritamente artística, sen presión da produtora. O resultado final foi unha obra imprescindíbel. De obrigada visión. Pero que non acabou de funcionar e convencer coa rotundidade das obras mestras.

Screen Shot 2017-05-16 at 10.41.19Autor dunha curta e excepcional filmografía iniciada con Tesis (para moitos a súa mellor película), Amenábar trasládanos á convulsa Alexandría do século IV. O deseño de produción de Guy Dyas e a dixitalización hiperrealista nas tomas cenitais (excesivas) reconstrúen con espectacularidade, sen referentes no cine de época, a cidade.

A nebulosa que envolve a figura de Hipatia, científica e filósofa neoplatónica da que non conservamos obras, permite outorgarlle a sedutora corporeidade cinematográfica de Rachel Weisz, cercana á do retrato de William Mitchell ou á que lle confire o propio Rafael no fresco vaticano A escola de Atenas. Orestes, prefecto romano (Oscar Isaac) e antigo alumno, ama e venera Hipatia. Tamén o seu escravo Davos (Max Minghella), única licenza imaxinativa no guión. A convulsión da futura Constantinopla obriga a amar até a morte ou a deixar matar. Feminicidio relixioso que retrasará catorce séculos a revolución heliocéntrica.

Por que Ágora non foi a película que agardabamos? Sempre contamos de antemán con máis do mesmo, a non ser en casos así, nos que o esperamos todo. A campaña publicitaria de Telecinco, que financia 80 por cento dos 50 millóns de euros dos que finalmente dispuxo o director, non tivo parangón no cine español. Comercialización na liña das superproducións hollywoodiense. Intelixente, pero enganoso. Así, ninguén terá o que agarda: nin o adolescente idólatra de Troya nin o afeccionado, tamén lector, que busca profundidade intelectual sen sopor. Un peplum audaz e atípico por naturalista e fidedigno rodado íntegramente en inglés (como Los Otros) con exteriores na illa de Malta. Localización perfecta para que xudeus e cristiáns se acoitelen ou lapiden.

Por que é imprescindíbel volver vela? Os cristiáns queiman todos os pergameos da biblioteca e asasinan berrando “Deus é Un”. Intolerancia co politeísmo, co paganismo. O director amósanolos como formigas que se afanan na tarefa non só de matar os que se negan á conversión senón tamén de destruír o seu legado. A contemporaneidade revisa con ignorancia o conflito en Gaza, no Ulster, en Afganistán... no debate político da cidadanía coa relixión. Amenábar quería asinar, e fíxoo con éxito, un alegato contra os totalitarismos fundamentalistas. Hipatia condénase socraticamente confesando que só cre na filosofía. Porque máis importante que a consecución é a intencionalidade, nisto si coinciden Kant e Xesús, debemos suxerir o seu visionado aos rapaces que van padecer o radicalismo da nova reforma educativa.

Esta crítica de cinema apareceu no Sermos49, publicado a 24 de maio de 2017

Comentarios