A AGG pide un protocolo propio para o baile e a música tradicionais

O feche de locais públicos, dependente dos Concellos ante a actual situación por mor da Covid-19, deixa mestras e mestres de baile e música tradicional á intemperie, sen poder exercer a súa profesión.
Obradoio de baile tradicional
de Ardelloeixo na Coruña.
photo_camera Obradoio de baile tradicional de Ardelloeixo na Coruña.

A Asociación de Gaiteiras Galegas reclamou onte nun comunicado aos medios a creación dun protocolo propio que regule as escolas de baile e música tradicionais.

Deixando claro que recoñece a necesidade de primar a saúde por riba de calquera presión económica, lembra a definición que a Organización Mundial da Saúde recolle par ao termo: "Un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades".

Neste senso, apuntan que os "beneficios na sociedade do sector da música e o baile tradicionais fan del, polo tanto, unha actividade esencial".

Reivindicando a súa importancia, desde a AGG non entenden o abandono que o sector está a sufrir por parte da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade. Sinalan en especial o Diario Oficial da Galiza do pasado 4 de novembro, que deixa na man dos concellos, como responsábeis da saúde dos seus habitantes, a decisión de fechar ou non os locais públicos.

A problemática

Isto xera o xerme dunha problemática, denuncian: por un lado, gran parte das mestras e mestres de baile e música tradicionais son traballadoras legais (xa sexan autónomas ou empregadas dunha escola); por outro, os locais onde exercen a súa actividade son en meirande medida públicos, cedidos polos propios concellos, escolas ou outras entidades. "Na actual regulación esta casuística non se contempla", aseguran.

As categorías nas que poden asumir a docencia do baile e a música son os centros privados de ensinanza non regrada (pola actividade realizada) e os centros socioculturais (polo lugar de traballo).

"Os concellos, en moitas ocasións, deciden ante a falta de claridade na normativa tomar a decisión máis restritiva: fechar os locais públicos", indican desde a AGG.

Protocolos específicos

As súas exixencias son claras: un protocolo específico para as escolas de música e baile tradicionais "nos que se aclare en que condicións podemos seguir operando". Reclaman, aliás, que se recoñeza "tanto a importancia do sector como a exemplaridade na execución das medidas preventivas, e que estas se regulen en función da singularidade inherente" a este.

Comentarios