A AGE interésase pola presenza dos libros nos medios

A Asociación Galega de Editores interésase pola presenza dos libros e a lectura nos medios de comunicación e a ese tema dedícalle o seu simposio anual. Catorce profesionais do xornalismo participarán no encontro. 

photo_camera libros

Por vez primeira reducido a unha única xornada por motivos de carácter orzamentario, o XI Simposio anual O libro e a lectura afondará na relación dos sector e a produción literaria cos medios de comunicación. O programa, que se desenvolverá o vindeiro día 20 de novembro no auditorio do Consello da Cultura Galega, achegará ao debate as experiencias de catorce profesionais do xornalismo en distintos soportes. 

O director do portal culturagalega.org, Manuel Gago, o decano do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro e o xornalista cultural Camilo Franco abrirán a xornada na sesión de mañá participando na mesa “A cultura nos medios. O caso galego”.  A rede será o tema da segunda das sesións, con xornalistas que desenvolven o seu traballo na rede a través de blogs e webs. Montse Dopico do Magacine cultural galego, César Lorenzo Gil, de Biosbardia, Manuel Rodríguez Alonso, do blog Bouvard e Pechuchet, Raquel C. Pico de Disquecool e Nacho Alonso de Fervenzas Literarias intervirán na mesa máis numerosa da xornada. 

Radio, prensa e televisión

Radio, televisión e xornais ocuparán as dúas mesas redondas da tarde. Na primeira, tres profesionais da radio darán a súa visión das posibilidades do seu medio para a comunicación da produción editorial e literaria e o papel na animación á lectura. Serán Ana Romaní do Diario Cultural da Radio Galega, Henrique Sanfiz de Radio Fene e Kiko Novoa de Galicia por diante da Radio Galega. 

Para rematar, o simposio mergullarase nas páxinas de xornais con Santiago Jaureguizar de El Progreso, Xesús Fraga de La Voz de Galicia e Carme Vidal de Sermos Galiza. 

Comentarios