CRíTICA DE CINEMA

O agasallo, un escuro segredo do pasado

Publicamos unha nova entrega do noso crítico de cinema Andrés Castro, que debulla O agasallo.

agasallo1

O AGASALLO

(EUA 2015, 108 min.)

Dirección e guión: Joel Edgerton

Fotografía: Eduard Grau                                                                

Música: Danny Bensi e Saunder Jurriaans

Elenco: Jason Bateman, Rebecca Hall, Joel Edgerton, Allison Tolman, Tim Griffin, Busy, David Denman, Beau Knapp, Wendell Pierce, P.J. Byrne

SINOPSE

Unha parella nova trasládase a California para comezar unha nova vida e formar unha familia, mais todo se complica desde o momento en que o marido recibe un agasallo dun vello amigo do colexio.

CRÍTICA

O actor Joel Edgerton (Exodus, Black Mass) quérese meter no oficio de director pola porta grande. Non só dirixe, con bastante solvencia, todo hai que dicilo, senón que tamén escribe o guión, produce e resérvase un papel secundario, mais determinante na historia.

Edgerton encarna a Gordon “Gordo” Moseley, un tipo algo estraño e reservado que topa por casualidade con Simon (Jason Bateman), un vello compañeiro de escola que se acaba de mudar ao barrio coa súa muller Robyn (Rebecca Hall). Tras o fugaz encontro, Simon comeza a recibir agasallos na súa propia casa. O feliz matrimonio empezará a perder estabilidade a medida que se van coñecendo detalles dun escuro segredo do pasado. Niso precisamente radica un dos acertos de O agasallo. Susténtase na intriga do coñecemento, é dicir, entre o que sabe cada unha das personaxes e o que coñece o espectador. Vanse aportando os xustos detalles e pistas necesarias para manternos pegados á butaca mentres se vai desvelando o pastel. Unha sorte de thriller cotiá na liña de A mano que arrola o berce (1992, Curtis Hanson) con pinguiñas de O cabo do medo (1991, Martin Scorsese) e Mentres dormes (2011, Jaume Balagueró), así como veladas homenaxes a O resplandor (1980, Stanley Kubrick), Seven (1995, David Fincher) ou A semente do diaño (1968, Roman Polanski).

O agasallo aborda unha reflexión arredor dos límites do perdón e da delgada liña que separa a cordialidade do acoso

Destaca tamén o xogo de espazos diáfanos e atmosfera opresiva que sabe sacar partido a lente do director de fotografía catalán, afincado en Hollywood, Eduard Grau (Sufraxistas, Suite francesa). O agasallo aborda unha reflexión arredor dos límites do perdón e da delgada liña que separa a cordialidade do acoso, aparte de demostrar, unha vez máis, que a vinganza é un prato que se serve mellor frío. Un bo traballo para seren unha ópera prima mais é desas obras que promete moito na premisa pero logo non acaba de cumprir as expectativas creadas. Mágoa tamén que o inquietante Gordo/Edgerton quede nun “malvado” de segunda clase a pesares que en Sitges lle concederan Premio a Mellor Actor. Con todo O agasallo vai gustar a quen non vexa vir o elaborado clímax final mais o que intúa o desenlace, cousa que non é demasiado difícil, vai quedar coa mesma sensación que tras ver un telefilme de martes pola tarde.

comentarios