A AGAL parabeniza a RAG pola escolla de Carvalho Calero

“Um motivo de imensa alegria para a nossa associaçom, com que tivo um forte vínculo”. Así reaccionaba a AGAL á elección de Ricardo Carvalho Calero como persoa á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas en 2020.

Carvalho Calero
photo_camera Carvalho Calero

A AGAL parabeniza a Real Academia Galega pola “decisom difícil” de elixir Carvalho Calero como figura á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2020, “entendemos que para Real Academia Galega foi umha decisom difícil, pois Carvalho aglutinou ao seu redor o movimento que iria defender a visom integradora do galego na lusofonia, oposta à da RAG”.

“O tempo passa e as posições mudam, e hoje estám a acontecer cousas que há pouquíssimos anos eram difíceis de imaginar”, afirma a AGAL, quen engade que “basta ver que a maioria dos meios e opinadoras que escrevem sobre o assunto nom só estám a respeitar a decisom de Carvalho (de escrever o seu apelido com v e lh) senom que também estám a opinar abertamente sobre o seu ideário lusista. Pensamos que a RAG também deveria acompanhar esta dinâmica”.

A AGAL sinala en nota de imprensa que non aforrará esforzos nin recursos “para divulgar a figura e a obra de D. Ricardo: o moço ferrolano que chegou a Compostela e aderiu a causa galeguista e republicana, o represaliado polo franquismo, o literato, o estudioso da literatura e, também, o grande referente do reintegracionismo”.

Nesta liña, anuncia a realización dun documentário sobre a figura do intelectual, un portal web com recursos multimedia e a publicación de varios libros, entre eles, a reedición de Scórpio e unha antoloxía en banda deseñada.

Comentarios