AGADIC responde con datos técnicos aos festivais de cinema


Logo da denuncia pública efectuada polo Festival de Cans de que cinco festivais de cinema quedaran fóra das axudas públicas, o organismo público responde con argumentos de caste administrativa. 

17959328321_0214f4d801_z
photo_camera Imaxe do Festival de Cans 2015 [Foto: Alberto P. Barahona]

Na pasada convocatoria de axudas a festivais de cinema quedaron fóra cinco eventos (o Festival de Cans, Curtocircuíto, Cineuropa, FKM e Primavera do Cine de Vigo) por mor dos problemas da plataforma electrónica que, por primeira vez, era de uso obrigatorio e exclusivo. 

Segundo afirma AGADIC nun comunicado inzado de detalles técnicos, comprobaron que "só un dos cinco inadmitidos na convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais (Festival Primavera do Cine) intentou facer o rexistro telemático obrigatorio. Así figura no informe solicitado a Amtega, segundo o que nos casos do Festival de Cans, Curtocircuíto, Cineuropa e FKM non aparece rastro dixital ningún. Tampouco consta ningunha incidencia aberta para estes procedementos no servizo de soporte técnico dispoñible 24 horas ([email protected]), nin os solicitantes se dirixiron á Agadic para comunicar ningún problema nese sentido".

En definitiva, defende AGADIC, "o feito de que estes festivais non foran admitidos non responde a ningunha decisión unilateral nin arbitraria. Tampouco se pode falar dun defecto de forma, senón do incumprimento das bases respecto á obrigatoriedade da presentación telemática para as persoas xurídicas".

Comentarios