domingo 25/10/20

AGADIC paraliza os premios de textos teatrais

Nin o Alvaro Cunqueiro, nin o Manuel María nin o Barriga Verde. A Agadic paraliza os premios para textos teatrais que se comezaron a convocar hai máis de vinte anos e este ano non se publicará a convocatoria. 

Toma de posesión Sutil, novo director AGADIC
Toma de posesión Sutil, novo director AGADIC

En febreiro saía publicada a resolución da XXI edición dos Premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, máis de vinte anos de historia dun galardón ao que logo se lle sumaron o Manuel María de Literatura dramática infantil, que leva sete edicións e o Barriga Verde de textos para títeres que ten no seu haber dez persoas gañadoras. Malia a súa xa tradición no calendario teatral e a repetición cada ano da convocatoria por volta de xuño, a Axencia Galega de Industrias Culturais paralizou a convocatoria que non sairá publicada neste ano. 

Desde Agadic explican que a falta de tempo é a razón para non convocar os premios polo retraso na toma de posesión do novo xerente Jacobo Sutil mais que o novo responsábel ten o tema sobre a súa mesa e pode ser que se retomen no próximo ano. Os premios a textos teatrais entraron desde a súa creación na programación anual da Consellaría de Cultura.

Raul Dans con “Un mosquito de nome Henri” no Barriga Verde, Gustavo Pernas con Isobaras no Alvaro Cunqueiro son os últimos gañadores dunha convocatoria que Agadic paraliza. Roberto Vidal Bolaño, Euloxio Ruibal, Robero Salgueiro, Manuel Guede, Antón Lopo, Siro löpez, Alfonso Becerra, Raul Dans, Andrés Vila e Cid Cabido ou Teresa González Costa -única muller- son algúns dos nomes do palmarés do Alvaro Cunqueiro nas súas vinteunha edicións. 

Paula Carballeira, Xavier Lama, Neira Cruz, Teresa González Costa e Carlos Losada gañaron o Manuel María mentres que o Barriga Verde recaiu en autores como Neira Cruz, Inacio Vilariño, Begoña García, Breogán Ribeiro, Xosé Manuel Fernández, Celia Díaz, Gabriel Castilla ou Celestino Antelo. 

comentarios