Nova etapa

Agadic decide a futura dirección do Centro Dramático Galego

Fefa Noia, anterior directora do Centro Dramático Galego, fará parte como presidenta do tribunal para a provisión do posto que ela mesma deixa vacante. O nome da nova persoa responsábel do Departamento de Produción Teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais sairá en breve, após tres anos dunha polémica xestión marcada polo malestar e o descontento entre As profesionais da dramaturxia e a interpretación
Salón Teatro
photo_camera Salón Teatro

Eva Alonso Gómez, Julio Fernández Peláez, Francisco Javier Núñez Alonso, Gonzalo Méndez Mosquera, Héctor Mera Herbello, Francisco Manuel Peleteiro Román, Julián Rodríguez Novo ou Pedro Alberto Rubín Garrido. Un destes nomes será o próximo coordinador do Departamento de Produción Teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), posto aberto para provisión o pasado setembro de 2019, que inclúe a dirección artística do Centro Dramático Galego (CDG) e a xestión do Salón Teatro de Santiago de Compostela. As candidatas presentaron cadansúa proposta.

Fefa Noia anunciaba en maio a súa decisión de abandonar a dirección do Centro Dramático Galego, após tres anos á súa fronte. O posto quedou así vacante a 1 de outubro, mais o proceso de selección xa está en marcha desde finais de agosto. Tal e como vén de anunciar Agadic, a anterior directora presidirá a comisión responsábel de elixir a súa sucesora, xunto a Paulo Domínguez (director do Teatro Rosalía da Coruña), Artur Trillo (Talía Teatro), Dolores Vilavedra (Universidade de Santiago) e José Manuel González Sanmartín (Consellaría de Cultura). A secretaría estará ao cargo de María José Felípez Regueira.

Aposta polas novas dramaturxias

A xestión de Noia estivo marcada pola polémica. A compañía acometeu a produción de catro espectáculos: Tartufo, de Molière, con dirección de Carles Alfaro; Martes de Carnaval, de Valle-Inclán, con dirección de Marta PazosDivinas Palabras Revolution, tamén de Valle-Inclán, a cargo de Chévere; e Neorretranca e posmorriña, de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte, baixo a dirección de Gena Baamonde.

A proposta da directora apostou polas correntes da dramaturxia máis actual, na que centrou o programa de difusión e apoio Dramaturxente (integrado polas liñas de acción DramaturXa ou TeatrHoxe), a reactivación das residencias técnicas e artísticas no Salón Teatro destinadas a compañías privadas e o impulso ao plan de coproducións.

Unha xestión convulsa

Mais a etapa de Noia á fronte do CDG tamén estivo marcada por sucesivos conflitos relacionados, sobre todo, cos procesos de selección de elencos para as producións propias, por non se axustaren ás necesidades dos procesos creativos desde que Agadic estabeleceu en 2016 un sistema baseado na libre concorrencia característica da función pública. Segundo denunciou en numerosas ocasións a Asociación de Actrices e Actores de Galiza (AAAG), este tipo de limitacións non se adapta ás necesidades do sector, malestar que levaría, por exemplo, á dimisión de Tito Asorey da dirección dunha das partes de Martes de Carnaval. Por outra banda, foi moi criticada a baixa produción do Centro, que programou só unha produción ao ano cun máximo de dez intérpretes. As xiras de distribución tamén sufriron unha considerable redución na duración e dimensións.

Os recortes orzamentais e o enfrontamento coas asociacións profesionais, especialmente coa AAAG, foi unha constante deste anos. En xullo de 2019, catro ex directores do CDG denunciaban nunha carta aberta ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, que o Centro “pasa hoxe polo seu peor momento”. Solicitaban, asemade, que a administración pública abrise a posibilidade de diálogo co sector para estudar o aproveitamento da institución mediante a súa constitución nunha nova estrutura xurídica, non dependente da Agadic. Se ben o debate chegou ao Parlamento, instando ao PP a discutir o cambio do marco xurídico do CDG, máis sen éxito ás preguntas e observacións quer do sector teatral, quer da oposición.

Comentarios