Afonso Eiré: "A emigración non é só a xente que se vai, é un estado tamén dos que quedan"

O xornalista Afonso Eiré vén de presentar a novela Ausentes (Hércules de Edicións, 2022), un relato que tece experiencias e historias de emigración na procura de explicar o drama de tantas familias galegas. A obra serve de desculpa para afondar nun tema pouco tratado en profundidade, como explica o autor en conversa con Nós Diario.

O xornalista e escritor Afonso Eiré polas rúas de Chantada (Foto: Camilo Lorenzana).
photo_camera O xornalista e escritor Afonso Eiré polas rúas de Chantada (Foto: Camilo Lorenzana).

Que relación directa tivo coa emigración?

Como moitos rapaces galegos, vivín a emigración en primeira persoa aínda que non emigrásemos. Á miña casa chegaban as cartas dos meus tíos, da veciñanza que viña para que llas lera meu pai. A emigración estaba sempre presente na cociña. Coñecín antes os barrios de Bos Aires ou da Habana que Madrid ou Barcelona.

A xente da aldea emigrada eran uns veciños máis. Sabiamos cando casaban, tiñan fillos ou se mudaban de traballo. Un estudo afirma que por cada emigrante hai 100 persoas próximas que sofren esa situación. 

A emigración non é só a xente que se vai, é un estado tamén dos que quedan: da familia, da parroquia e do país. A Galiza non se entende hoxe sen a emigración. Se nos explicaran a emigración ben e o que supuxo, a Galiza sería distinta. Temos colectivamente asumido que emigramos porque nos gusta, mais foi porque nos botaron. 

No libro quixen plasmar a idea desa ausencia dos que se van, dos que volven e dos que quedan. Hai aspectos da emigración que nunca foron tratados. Os únicos que entenderon a emigración foron os poetas.

Os demais non deron unha relación global da emigración, senón unha idea parcial de triunfadores ou fracasados. É hora de que se vexa o que supuxo a emigración e da razón pola que emigramos. Sacar a idea de que a Galiza era unha nación pobre cando en 1800 tiñamos tres veces máis poboación que Catalunya e catro veces máis que Madrid.     

Cal foi a razón de que se dera o fenómeno da emigración?

Obrigáronnos a emigrar por lei. Desde os Reis Católicos e Fernando III houbo un pacto entre as elites galegas e as elites españolas. Éralles moito máis rendíbel exportar man de obra que gando ou viño. Os mesmos barcos que levaban escravos, levaban galegos.

Son historias que mostran até que punto descoñecemos a nosa emigración. Moita xente, hoxe en día, non sabe que foi dos seus familiares na Arxentina, por exemplo. Non se difunde que moitos non chegaban ao botalos pola borda, como acontecía cos sindicalistas da CNT que loitaban contra as navieiras por este tema.

Na novela conto, a través dun personaxe, como moitos se lucraron coa emigración. Foi o caso da banca de Piñeiro en Ausentes, un reflexo da Banca de Soto de Chantada. Consultei moitos papeis desta entidade para saber os tratos que tiñan cos emigrantes.

Os peores eran os 'ganchos' que estaban polo país adiante e que levaban os galegos como antes levaban os negros de Centroáfrica. Moitos eran servidores públicos, por exemplo axentes dos xulgados ou alcaldes. Asinaban cláusulas coas que podían ser mallados se non cumprían.

Esas circunstancias explican que non se coñeza hoxe que representou a emigración?

Desde logo. Os medios de comunicación non contan a emigración. A excepción, como moi ben explica Gustavo Luca de Tena, da prensa da emigración que non chegaba aquí. As redes caciquís esténdense até hoxe. Chantada e Betanzos eran as zonas de máis emigración galega. A razón era que non emigraba quen quería, senón quen tiña diñeiro ou conseguían un préstamo. En Chantada estaba o Banco de Soto e en Betanzos o Banco Etcheverría.

A banca española quixo acabar con estas entidades pola competencia grande que tiñan como consecuencia das remesas dos emigrantes, que chegaron a ser máis do 50% de todas as que chegaban da emigración ao Estado español. As propias directrices do Banco de España indicaban que ese diñeiro tiña quen ir a outros territorios e non quedar na Galiza.  

Hoxe o desarraigo é tremendo. Falas coa xente maior que volve e cóntache que construíron unha casa e teñen os fillos e netos alá. Despois está a nova emigración con rapazas e rapaces cualificados que teñen que marchar como consecuencia das políticas actuais.

Comentarios