Afonso Eanes denuncia que a Feira do Románico de Negreira marxina a cultura galega

A asociación cultural, que participa na festa desde 2014, sinala que o aspecto histórico e divulgativo do evento foi perdendo terreo en prol da “cultura do alcol”

11225375_407347116124388_6793647977664462492_o
photo_camera Actuación dos Atrevidos de Barcala nunha pasada edición da Feira do Románico de Negreira.

A pasada fin de semana, Negreira celebrou a súa Feira do Románico. A festa, que chegaba á súa duodécima edición, contou cun mercado e espectáculos varios de cetrería e fogo, alén dunha exhibición de oficios e obradoiros infantís. A ambientación musical non faltou en ningunha das tres xornadas, cun concerto folk de Wyrdamur e as actuacións dos Atrevidos de Barcala, grupo vinculado á asociación cultural Afonso Eanes. A entidade leva catro anos a participar activamente na organización da festa, quer coas colaboracións musicais, quer coas actividades de divulgación como a recreación –en colaboración coa Escola Municipal de Teatro– da coroación do rei García II.

Un día despois de finalizar a feira, Afonso Eanes facía público un comunicado na súa web no que criticaba como “a cultura do alcol lle foi gañando terreo á Cultura”. Segundo apuntan, o actual Románico é agora “ outra ocasión na que beber até caer de cu ao son de Juan Magán, sen importar moito máis o que haxa alén das barras das cantinas”. De feito, a asociación non se fixo cargo este ano da Cantina do Reino de Galiza, que acostumaba rexentar durante a celebración, dotando o espazo dunha ambientación de carácter divulgativo sobre a historia da Galiza e, en particular, da comarca da Barcala.

“Decidimos que non queriamos montar a cantina porque estabamos algo queimadas coa feira, non nos sentimos representadas por ela”, explican desde a asociación cultural negreiresa. A crítica do colectivo polo “desleixo e apatía” do Concello de Negreira á hora de coidar a feira entraba en contradición co mantemento dunha caseta. “Loitamos varios anos para que se destaque o aspecto cultural e histórico e non queriamos criticalo se tamén estabamos contribuíndo a iso”, resume unha das integrantes.

As casetas, localizadas no Pazo de Cotón, son tamén un tema que define como “un pouco polémico”. A asignación das construcións, que son cedidas polo propio pazo, é xestionada polo goberno local. “Hai moitas peticións e non se sabe que criterio segue o Concello, nin porque, se teñen prioridade as asociacións, hai casetas concedidas a particulares ou alugadas directamente ao Pazo de Cotón”, comentan na Cultural.

Falta de sensibilidade cultural

A deriva da festa ten a ver, segundo apuntan desde Afonso Eanes, coa “falta de sensibilidade cultural” que provoca un descoñecemento e marxinación da historia do país. Durante as pasadas feiras, o Concello ten buscado “infantas en Castela para promocionar o medievo galego”, empregado “a imaxe dun rei doutra época para promover o Románico” ou mesmo publicado cartelaría onde se fai fincapé en que Afonso Eanes escribía “cantigas de Escarnio y Maldecir”. Esta clase de feitos non só desfavorece o proceso de normalización da lingua galega "que precisamente deben impulsar as organizacións públicas”, senón que converten a Feira do Románico “nunha das moitas feiras medievais que se producen en serie por toda a Península, banalizando o aspecto máis cultural e reproducindo unha serie de estereotipos que non son tal, despoxándoa de identidade propia”, conclúen desde a asociación cultural.

Comentarios