A AELG tomará o pulso da literatura nun congreso en Pontevedra

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) organizará a VI edición do Congreso de Escritores/As no vindeiro mes de setembro en Pontevedra. Abre un proceso de participación para deseñar os temas a debater. 

aelg
photo_camera aelg

A AELG tomará “o pulso da nosa literatura e das preocupacións das escritoras e escritores co ánimo de lles buscar solucións e instrumentos para a necesaria visibilidade social do noso sistema literario” na sexta edición do Congreso de Escritores/As que se desenvolverá o vindeiro mes de setembro na cidade de Pontevedra. A Asociación botou a andar un proceso de participación entre as súas asociadas co fin de deseñar os temas a debater no encontro, segundo informaron após a xuntanza do Consello Directivo que se desenvolveu o pasado sábado en Compostela. 

Na reunión, a asociación presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias fixo tamén balance da actividade dos seis primeiros meses do ano entre os que se atopan a conmemoración do Día e Rosalía de Castro que a asociación promove desde o ano 2010, a entrega dos premios anuais ou a Escola de Escritores e Escritoras. 

17.000.000 de entradas

A AELG fixo balance tamén do traballo de xestión, menos visíbel, mais que resulta unha ferramenta fundamental no mundo da literatura, como é a súa web que, segundo informaron, subiu xa de 17.000.000 entradas, cunha Axenda Cultural que publicou 1.000 novas no que vai de ano. Tamén a Escola de Escritores e Escritores é outro dos eixos que conectan o mundo literario coa sociedade, contribuíndo á formación no ámbito da escrita, coa creación tamén de unidades didácticas pensadas en especial para o sistema educativo. 

A visibilización de autores e autoras establécese tamén por medio da colaboración con Sermos Galiza cun artigo semanal no semanario publicado en papel ademais da sección fixa “Palabras con Memoria” que desenvolve o escritor Isidro Novo. 

Comentarios