No Quiosco Afonso da Coruña

A AELG realiza este sábado unha xornada sobre Literatura Dramática e Teatro Nacional

A AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) inaugura a sección de Literatura Dramática cunha xornada aberta a todos os públicos, sobre a Literatura Dramática e Teatro Nacional, este sábado 5 de novembro de 2016 no Quiosco Afonso da Coruña.

A sección de Literatura Dramática da AELG nace coa vontade de poñer fin á situación anómala que vive a literatura dramática dentro campo cultural galego, sendo “un xénero sen apenas publicacións e case inexistente nos nosos estudos académicos”, comenta para Sermos Galiza Afonso Becerra, vogal de Literatura Dramática da asociación e profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galiza. Este feito deixa ver “unha eiva grande da literatura e cultura galegas”, engade. Trátase dun xénero que goza de prestixio noutras literaturas, representado por figuras imprescindíbeis como Shakespeare, Lorca ou o galego Valle-Inclán. E é que “non se pode estudar nin entender a literatura española sen considerar Luces de Bohemia ou La casa de Fernanda Alba”, aliás na Galiza esta situación de total descoñecemento da literatura dramática “denota que temos un sistema literario e cultural anómalo”. Unha situación cando menos preocupante dun xénero que se move entre o teatro e a literatura.

CartelIXornadaLitDramAELG2016-635x1024 (2)A I Xornada Literatura Dramática e Teatro Nacional, baixo coordinación de Afonso Becerra, érguese como “un espazo onde realizar unha análise e partillar coñecementos sobre literatura dramática galega”, un encontro idóneo para poñer sobre a mesa a situación actual deste xénero en Galiza e “sacar algunha acción que nós poidamos levar adiante porque eu non creo que as institucións nos vaian a quitar as castañas do lume”.

Desde a organización propoñen un par de actividades, dous encontros abertos para todas as persoas interesadas, desde as dramaturgas e dramaturgos, estudosos das artes escénicas contemporáneas e tamén para calquera persoa con inquedanzas artísticas e culturais. O interesante destas xornadas é que teñen non só un valor simbólico, “mais tamén de utilidade, deseñadas cunha clara orientación de proveito, laboral incluso, para que sexa rendíbel na nosa realidade cultural, e este é un pouco o obxectivo”. A primeira das actividades, que leva por título “A Literatura Dramática galega na actualidade”, comezará por volta das 12 horas e é un encontro- asemblea “na que analizaremos cales son os desacougos respecto ao tema do xénero da literatura dramática e os puntos polos que debemos empezar para que cambie algo”.

A segunda actividade, “O proxecto artístico dun Teatro Nacional nunha nación sen estado e o papel da Literatura Dramática nese proxecto”, dará comezo ás 18 horas é unha clase maxistral que ofrecerá Xavier Albertí, director artístico do Teatre Nacional de Catalunya (TNC), “a máxima institución teatral de Catalunya”. Xavier Albertí falará sobre o proxecto artístico dun teatro nacional nunha nación sen Estado propio, “tendo en conta cal é o papel da literatura dramática nese proxecto”. Un encontro propicio para unir lazos entre as dúas culturas, a galega e catalá, “dúas linguas que non teñen un estado propio que as protexa e que as intenten poñer en pé de igualdade con outras linguas que si teñen estado, e aí si que temos unha concomitancia”.

Comentarios