A AELG publica 3 unidades didácticas para que o alumnado se achegue ao teatro

Roi Vidal Ponte, Camilo Franco, Nee Barros e Miriam Ferradáns explican formas de participar nas artes escénicas.

Fotograma de «Eroski Paraíso» (Chévere)
photo_camera Fotograma de 'Eroski Paraíso' (Foto: Chévere)

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) presentou un proxecto didáctico que ten como finalidade achegar o estudantado ao teatro desde as actividades a desenvolver na aula. O proxecto, que conta ao apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Pontevedra pretende servir de porta de entrada do alumnado cara ao teatro e servir de guía ao profesorado para a realización de actividades escénicas no espazo escolar.

“Escena para todas” forma parte das actividades da AELG para promover o coñecemento e o uso da literatura galega nas aulas do país, poñendo en contacto o estudantado con contidos que están fóra do currículo escolar e ofrecendo unha referencia de actividades ao profesorado.

Co teatro como protagonista, este proxecto pretende que a rapazada perda o medo ao ir ao teatro e se anime a pasar das aulas aos patios de butacas. Asemade créanse tres unidades didácticas baixo o proxecto didáctico "A vila imaxinada" que ofrecen unha parte argumental, vídeos complementarios e unha serie de actividades para realizar na aula.

A achega de Escena para todas vén de man do crítico teatral, xornalista e escritor Camilo Franco, que explica algunhas das razóns prácticas para ser espectadores activos a partir de tres fragmentos da obra Eroski-Paraíso, de compañía teatral Chévere.

Canto ás restantes unidades didácticas relacionadas, a primeira é a de Roi Vidal Ponte, quen convida a visitar os lugares da cidade de Santiago relacionados directamente co mundo do teatro.

A segunda, da man de Nee Barros, explorará as rúas de Pontevedra como celme de dramaturgos a través do tempo. Como terceira publicación didáctica, Miriam Ferradáns achegarase á Pontevedra de Aurora Vidal, no percorrido pola vida da escritora, recuperándose historias de mulleres adiantadas ao seu tempo e da vida teatro que tivo a cidade pontevedresa.

As catro propostas didácticas iranse publicando na web da AELG. Aos vídeos pódese acceder desde as propias unidades didácticas.

Comentarios