Asemblea Xeral

A AELG premia Pilar Pallarés, Dorothé Schubarth, Pablo Quintana e María Teresa Horta

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega revela o nome das persoas que premiará este ano.

foto_pallares
photo_camera [Imaxe: Laura R. Cuba] Pilar Pallarés

O Museo do Pobo Galego acolleu na mañá do sábado a Asemblea Xeral de socias e socios da AELG, que decidiu o nome das persoas premiadas este ano cos distintos recoñecementos que impulsa a entidade de escritoras e escritores. Así, Pilar Pallarés será a próxima Escritora na súa Terra-Letra E e recibirá a homenaxe, que chega á súa vixésimo quinta edición, no mes de xuño na Coruña.

Ademais, a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da AELG recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 a  Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana, que serán recoñecidos en Lugo na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria.

Dorothé Schubarth

dorothe_schubarth_youtube_ PremiosMartinCodaxdaMÃÆÃNatural de Basilea (Suíza), onde comezou os seus estudos que ampliou en Colonia e Múnich, Dorothé Schubart é directora de coro e musicóloga. A partir de 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna (Suíza) e comezou a desenvolver investigacións arredor das músicas populares europeas. En 1978 visitou Galiza para coñecer a música popular mais o interese polo que aquí descubriu provocou que realizara un traballo de campo intensivo por todo o país. Froito deste labor, publicou unha magna obra en sete volumes que contén a mellor e máis ampla análise, clasificación e estudo da nosa lírica popular, publicada baixo o título Cancioneiro Popular Galego (Fundación Barrié, 1984). 

O Arquivo Sonoro de Galicia conserva 248 CD con copias dixitalizadas das súas gravacións orixinais e coas correspondentes transcricións a cargo do profesor e filólogo Antón Santamarina. Entre os recoñecementos que se lle fixeron en Galicia están o I Día das Galegas nas Letras en 2014 e Premio Honorífico 2017 da Asociación de Músicos ao Vivo. 

Pablo Quintana 

pablo-quintana-lopez-canela-producionsNado en Vilanova de Oscos (Asturias) en 1956, vive na Coruña desde 1982. Escritor, investigador, músico e divulgador da cultura popular, material e inmaterial, é autor de numerosos traballos arredor da transformación artesanal do ferro, foxos do lobo, danzas e festas gremiais, zoqueiros, músicas populares e diversos xéneros da literatura popular tradicional. Estudoso do patrimonio, coordinou a serie etnográfica Recolleita (Ruada, 1981). É autor do LP O cego andante (Ruada, 1982) e dirixiu documentais sobre danzas procesionais e bailes entre 1982 e 1983.

Traballou na radio desde 1980, primeiro en Radio 80 e despois como técnico en Radio Nacional de España. Na actualidade dirixe a Editorial Canela, especializada na publicación de libros sobre personaxes singulares e actividades esmorecentes da nosa cultura popular.

Escritora Galega Universal: María Teresa Horta

MariaTeresaHorta_EuropeanInstituteforGenderEquality-youtubePor outra banda, a entidade presidida por Cesáreo Sánchez ratificou María Teresa Horta como Escritora Galega Universal “desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como pola súa incontestábel defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual”. O Premio será entregado o día 11 de maio de 2018 no marco da III Gala do Libro Galego, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

En anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia e Isabel-Clara Simó.

Programa de actividades

Entre os acordos da Asemblea Xeral da AELG destaca o programa de actividades do ano, que comeza coa celebración do Día de Rosalía de Castro (24 de febreiro) e co Parlamento de Escritoras e Escritores (15 e 16 de marzo en Pontevedra), que será “un lugar para a reflexión, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos, etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas”.

O programa acolle actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG; xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea e o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración da cuarta Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria, coa celebración de máis polafías e cunha nova edición, a duodécima, da Xornada de Literatura de Tradición Oral. 

Por outra banda, acordouse a incorporación de Cilha Lourenço, Daniel Asorey e Xoán Carlos Domínguez Alberte ao Consello Directivo da AELG.

Comentarios