A AELG nomea Escritor Galego Universal a Bernardo Atxaga

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) vén de nomear ao autor vasco Bernardo Atxaga como Escritor Galego Universal. Atxaga recibirá o premio na Gala das Letras que terá lugar en Pontevedra o primeiro sábado do mes de maio de 2014. 

Atxaga
photo_camera Atxaga

“A altísima calidade literaria, o insubornábel compromiso ético e a infatigábel defensa do seu idioma, o éuscaro”, son as razóns que o Consello directivo da AELG destacan á hora de premiar a Bernardo Atxaga coa condición de Escritor Galego Universal. 

Autor de novelas, contos, poesía e ensaio, a AELG recoñece a Atxaga por ser  ·creador dunha extensa e intensa obra, valorada tanto en Euskal Herría como nos máis diversos idiomas aos que foi traducida, na que o éuscaro é ferramenta de expresión da cultura de Euskal Herría e ocupa un lugar de centralidade”. A AELG entregaralle o premio na Gala das Letras que se celebrará en Pontevedra o primeiro sábado do mes de maio de 2014. 

Ramón Nicolás é o principal tradutor da obra de Atxaga ao galego e polo seu traballo pasaron a nosa lingua   “O fillo do acordeonista” (Xerais), “Sete casas en Francia” e “Obabakoak” (Kalandraka). “A xente da miña aldea”  (Xerais) foi traducida por Ignacio Chao.  

Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro e máis Lidia Jorge precederon a Atxaga como Escritores/as Galegos/as Universais.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios