martes 07.07.2020

A AELG leva ao Congreso as "necesidades das escritoras"

Xuntanza co deputado do BNG Néstor Rego
O presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias e o deputado do BNG Néstor Rego no Congreso dos Deputados. Foto: AELG.
O presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias e o deputado do BNG Néstor Rego no Congreso dos Deputados. Foto: AELG.

O gremio das escritoras e escritores ten as súas necesidades e reivindicacións particulares. Unha síntese das mesmas levounas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ao Congreso en Madrid. O seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, reuniuse co deputado do BNG Néstor Rego, de quen Sánchez Iglesias salientou "a súa receptividade" e a súa "intención de dar cumprida solución a través da acción parlamentaria" ás cuestións formuladas.

A compatibilidade entre as pensións de xubilación e a actividade de creación artística é un dos problemas máis urxentes, a dicir da AELG. O Decreto de abril do Goberno central "non dá solución a diversos colectivos que ficaron fóra do seu amparo", por caso persoas perceptoras de pensións non contributivas ou por incapacidade absoluta permanente.

Linguas cooficiais nas institucións do Estado

"Cómpre facer real un dos obxectivos e funcións do Instituto Cervantes, o de organizar cursos xerais e especiais nas linguas coficiais, alén da castelá, así como ampliar obxectivos e funcións limitadas até agora unicamente ao castelán", engadía a asociación. No mesmo sentido reclama "a implementación real da posibilidade de que calquera persoa poida estudar a lingua galega nas Escolas Oficiais de Idiomas de todo o Estado".

A AELG lembrou así mesmo a proposición non de lei de "medidas para que o Ministerio de Cultura asumise a multiculturalidade e o plurilingüismo do Estado no sector da literatura" aprobada no Congreso en xuño de 2010 a instancias do daquela deputado do Bloque Francisco Jorquera. O texto pretendía un reequilibrio a prol das outras linguas do Estado.

comentarios