martes 28/09/21
A consigna é a de agasallar unha flor e un libro en galego

AELG insta o Parlamento a declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vai conmemorar esta terza feira, 24 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como o aniversario do nacemento da autora de Cantares gallegos. 
rosalia
Ilustración de Rosalía. (Foto: Iván R.)

A idea central desta edición do Día de Rosalía, 24 de febreiro, promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) é a de agasallar un libro en galego e unha flor, unha idea xa trasladada aos centros de ensino e  á sociedade xeral e que agora se vai extensiva ao Parlamento.

Con está proposta á Cámara de representación das galegas e dos galegos, a AELG solicita a declaración do 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro e, con este motivo, o emprendemento e o apoio á realización de actividades de promoción da obra da escritora que “impliquen ao conxunto do pobo galego”, comunican.

Así mesmo, a asociación suxire realizar unha lectura pública da obra rosaliana no Parlamento, da man dos e das escolares galegas.

Así, e alén do acto central que terá lugar ás 12 horas do sábado 27 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG en colaboración coa súa base asociativa está organizando por todo o país lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.

En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou a escritora Anna R. Figueiredo co título "#TeusDoces Cantares”.

“Para expandir o poder da palabra rosaliana entre a xente nova”, a AELG convida a conmemorar o Día de Rosalía nos centros de ensino con accións colectivas.

“A difusión da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar”, din desde a asociación, “sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural”.

comentarios