A AELG homenaxea Xela Arias en Sarria

En Vilerma, aldea de Sarria, a AELG tributará unha homenaxe á escritora Xela Arias, unha lembranza máis meses despois de se cumpriren os dez anos do seu pasamento. O acto terá lugar o vindeiro sábado ás 12:00 horas.

xela arias
photo_camera xela arias

Meses despois de se cumpriren dez anos do pasamento de Xela Arias, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) promove unha homenaxe na súa memoria que terá lugar na aldea de Vilerma, parroquia de Maside, no concello de Sarria. Será o segundo acto de homenaxe á autora xa que a AELG lembrou xa a Xela Arias en Vigo no mes de marzo, nun acto celebrado no instituto no que a poeta impartira aulas. Desta volta, a AELG dirixirase a Sarria para “testemuñar a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía, música e plástica”. 

Unha placa na casa familiar na que viviron a escritora e tamén seu pai, o tradutor coma ela, cofundador e presidente da Asociación de Tradutores Galegos quedará como pegada da homenaxe na que intervirán o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e recitarán textos da autora as escritoras Antía Otero, María Xesús Nogueira, Marica Campo e o escritor Xulián Maure.

A AELG convida a asistir a este acto de memoria cunha muller que, segundo destacan “sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua”. 

No mes de marzo, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura organizou tamén unha xornada de estudo e homenaxe á poeta e tradutora xunto á tamén escritora e música Luísa Villalta coordinada por Ana Romaní e Arturo Casas. 

Comentarios