A AELG homenaxea este sábado Fina Casalderrey en Pontevedra

A autora recibirá o recoñecemento da 'Letra E'.
A escritora Fina Casalderrey (Foto: Nós Diario).
photo_camera A escritora Fina Casalderrey (Foto: Nós Diario).

A escritora Fina Casalderrey recibirá este sábado en Pontevedra a homenaxe Escritora na súa Terra-Letra E, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Esta mostra de admiración comporta a entrega da Letra E (de escritora) e converte a autora en socia de honra da mesma entidade.

Os actos de entrega do galardón comezarán ás 11.30 horas na Ponte da Palabra, no barrio pontevedrés de Monte Porreiro, co descubrimento dun monólito conmemorativo e a plantación da árbore elixida pola autora, un acivro.

Posteriormente, sen saír da cidade, decorrerá a entrega da “Letra E” no Teatro Principal onde se procederá a ler a acta de concesión e intervirán o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, a autora da laudatio, Montse Pena Presas, e a propia Fina Casalderrey.  A xornada rematará cun xantar de confraternidade posterior no Liceo Casino de Pontevedra. 

En palabras de Montse Pena, este recoñecemento da autora homenaxeada vén marcado pola súa popular notoriedade. “Se fósemos preguntando polas escolas da Galiza quen leu un libro de Fina Casalderrey, seguramente veriamos moitísimas mans erguidas”, sinala. 

A sedución da palabra

Nada en Xeve, Pontevedra, en 1951, Fina Casalderrey exerceu como mestra desde os dezanove anos. A súa extensa obra, publicada desde 1991, ten recibido numerosos premios desde entón.

Distínguese pola súa agudeza na observación e recreación do mundo das persoas adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e situacións e por un ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun relato de suspense.

Pertence a unha xeración de mestres e mestras de escola, que como ela mesmo di, comezaron a escribir historias "para facer cóxegas aos nenos e nenas". A escritora herdou unha importante biblioteca oral do seu pai, de quen conta que era un gran narrador que seducía coa palabra.

Comentarios