AELG demanda medidas para o sector cultural polo impacto do coronavirus

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propoñen implementar partidas económicas ante a pandemia do COVID-19.

Actividade da AELG (Nós Diario)
photo_camera Actividade da AELG (Nós Diario)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) amosou nun comunicado a súa “fonda preocupación” polo “grave impacto que están a ter na nosa sociedade as consecuencias desta epidemia” de coronavirus. Esta entidade observa “con gran preocupación os efectos sociais e económicos derivados das medidas de contención da epidemia que se están a dar en todos os colectivos afectados por esta crise”, en especial o da cultura.

Para a AELG “o forte impacto social que ocasiona a anulación de toda programación cultural cómpre engadirmos a falta de visibilidade e o acompañamento social e económico da cultura no noso día a día” e o “deterioro” que causará para a nosa “imaxe exterior” a cancelación de feiras internacionais do libro, festivais e similares “que comportarán tamén importantes perdas e custos para a economía da nosa cultura”.

Estes son os motivos polos que desde a AELG demandan “do Goberno da Xunta da Galiza, da Consellaría de Cultura e do resto de institucións que teñen capacidade para facelo, o seu compromiso inequívoco coa nosa cultura e a nosa lingua”. Consideran que ás medidas adoptadas polo actual Goberno español de adiar uns meses o pagamento da cota das persoas que estean dadas de alta como autónomas habería que sumarlle outras. “Medidas específicas de apoio aos distintos colectivos do sector”, explican no comunicado, “como a habilitación de partidas económicas que garantan a continuidade da nosa industria cultural”.

Comentarios