A AELG concédelle a letra E a Xosé Mª Álvarez Cáccamo e recoñece o xornalismo en galego

A letra E do premio “O escritor na súa terra” da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega irá na edición deste ano a Xosé Mª Álvarez Cáccamo. A AELG recoñecerá nos seus premios o xornalismo en galego. O brasileiro Luiz Ruffato será o novo Escritor Galego Universal. 

Pepe Cáccamo.
photo_camera X. M. Álvarez Cáccamo

O escritor Xosé Mª Álvarez Cáccamo será a nova letra E da Asociación de Escritores en Lingua Galega segundo se aprobou na asemblea celebrada pola entidade este sábado no Museo do Pobo Galego.

A entidade presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias aprobou tamén algúns dos premios que entregarán na nova edición do 2015, á espera do proceso de votación entre socios e socias polo que pasan a maior parte das categorías. Os premios aprobados directamente recoñecerán desta volta o xornalismo en galego, tal e como o pasado ano fora o teatro o protagonista. En canto a institucións, a AELG premiará o Colexio Profesional de Xornalistas Galegos e a Asociación de Medios en Galego. Premiarán tamén co Bos e Xenerosos a traxectoria de cinco xornalistas pola súa defensa da nosa lingua e a nosa cultura, Margarita Ledo, Tereixa Navaza, Manolo Lombao, Gustavo Luca de Tena e Xosé María Palmeiro.

O galego universal Brasil

Da literatura brasileira sae este ano o nome do Escritor Galego Universal para o que foi escollido Luiz Ruffato, autor, entre outros títulos de Eles eram muitos cavalos ou o proxecto Inferno Provisório. Tamén teñen nome xa a categoría de mestres e mestras da memoria que recaeu en Josefa Arias e Emilio do Pando. A gala de entrega dos premios terá lugar o 9 de maio na cidade de Lugo.

Cambios na directiva

A directiva da AELG experimenta cambios tamén nesta asemblea coa incorporación de Rosalía Fernández Rial e a saída de Antia Otero e Rexina Veiga.  

Tres propostas para Nobel

A AELG informou tamén, no balance de actividades do ano, que como en edicións anteriores remitiu un informe coas propostas para o Nóbel de literatura. Desta volta, ademais dos nomes e traxectorias de Xosé Luís Méndez Ferrín e Luz Pozo Garza, a AELG incluíu na proposta remitida á Academia Sueca o nome de Agustín Fernández Paz. 

Comentarios