A AELG, AGE e GALIX únense contra o “desmantelamento” da nosa cultura

Co manifesto conxunto “A cultura galega, a nosa angueira”, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Asociación do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX)  denuncian o proceso de “destrución da cultura galega”. 

Cultura nas cidades
photo_camera Cultura nas cidades

Un longo comunicado xunta ás tres asociacións do sector do libro e a literatura para denunciaren conxuntamente o proceso de desmantelamento dos sectores culturais e acusar á administración galega dunha “asfixia económica que pode levar a súa invisibilización e, na práctica, a súa ilegalización social”. 

Botan man dos datos para acusar á política cultural do goberno da Xunta do PP de conducir á cultura a ·”situacións dramáticas” como a que está a padecer o mundo editorial ou o das artes escénicas. A redución de fondos destinados a bibliotecas públicas nun 64,8&, da edición de materiais didácticos na nosa lingua dun 75% son algúns dos recortes que contribuíron a que o sector editorial perdera desde 2008 un 38% de emprego directo e un 16,76% da súa facturación total.  

O peche de 45 bibliotecas públicas entre 2008 e 2012 converte, segundo o manifesto, “o noso país na comunidade que máis espazos públicos de lectura e acceso á información perdeu en todo o Estado”. As tres asociacións móstranse sorprendidas, con este balance sobre a mesa, das recentes declaracións do Secretario Xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, cualificando o 2013 como “ano vizoso para a cultura galega”. 

Contra a "inacción" da Xunta

Diante da “inacción dos postulados oficiais do actual goberno Galego, coincidentes coas do actual Goberno de España”, as tres entidades defenden o afortalamento do seu “compromiso para coa sociedade á hora de ofrecerlle un produto cultural propio, de calidade, asequíbel e accesíbel a todos os formatos e sectores cidadáns”, co agravante aínda da suba do IVE cultural ao 21% que supuxo un forte golpe para o sector da cultura fronte o trato moito máis favorábel para espectáculos como os futbolísticos ou taurinos. 

“Non aceptaremos que pretendan enmudecernos ou facernos estranxeiras na nosa patria”,

Lamentan tamén que a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tivera eliminado do seu calendario oficial o Día de Rosalía “logo de ter impedido nos últimos anos que esa data, 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro, formase parte do calendario escolar como data conmemorativa referencial próxima”. Data que incorporaron as asociacións ao calendario de datas sinaladas do ámbito literario e editorial que comezaron a distribuír recentemente, no peche dun ano no que Rosalía foi protagonista dun sinfín de actividades promovidas, en boa parte, desde o propio mundo asociativo e da creación galega. 

A escusa da crise económica

“Mais a destrución da cultura galega escúsase decote en motivos económicos e acúsase de ser un produto illado, dependente e subvencionado, mentres percibimos as intencións espúreas dos que ao pór a garabata xa non saben falar a fala nai, a fala dos avós que teñen mortos”, sinalan, lamentando tamén que o goberno da Xunta se parabenice dos éxitos da creación galega fóra das nosas fronteiras cando “desvirtúa”, mesmo retirándolle a contía económica, os premios oficiais que foran creados para recoñecer a protagonistas do caudal cultural galego. 

“Non aceptaremos que pretendan enmudecernos ou facernos estranxeiras na nosa patria”, afirman no manifesto no que mostran a súa vontade de continuar “creando con gracia ou sen ela, na lingua que falamos porque a nosa angueira é que a nosa lingua e a nosa cultura sexan plenamente normais e estean presentes en todos os lugares e en todos os tempos”. O manifesto íntegro pódese consultar neste enlace. 

Comentarios