Entrevista

Adrián Canoura: "A nosa cultura ten moito que ofrecer. Non temos que ter medo a contala fóra"

Adrián Canoura (Burela, 1991) non para. Vén do PlayDoc de Tui para chegar ao (S8) da Coruña, onde lle dedican un foco que recibe entre a alegría e a sorpresa. "Que reparen en min, sen ter aínda moita obra, é incríbel", confesa. Alén da proxección de varias pezas, levará a cabo o sábado unha performance. "A mostra é un referente para todos que estamos a crear cinema experimental, na Galiza e no Estado", asegura o director, máis coñecido polas súas colaboracións audiovisuais en Baiuca.
Adrián Canoura [María Meseguer].
photo_camera Adrián Canoura [María Meseguer].
—Unha das liñas recorrentes na súa obra ten a ver coa etnografía e a antropoloxía. Que o atrae desta vertente?

A achega a este tema é unha forma orgánica, natural. en canto estou moi próximo ás vivencias da aldea. Eu crieime alá con toda a familia e vin, dunha banda. o universo mariñeiro e, doutra, todo o ligado á agricultura e ao traballo da terra. Son dous mundos, mar e montaña, que me interesan. Desde que estaba a estudar, unha referencia é Marcos Nine, que nos dixo nunha charla que tratasemos de enfocarnos no próximo. Foi unha frase que me quedou gravada e me levou a centrarme no que tiña preto. Non fai falla ir a ningún sitio exótico, hai cousas aquí que se poden investigar para darlles outra volta, non só cun eco de costumismo, senón cun toque máis vangardista.

Non fai falla ir a ningún sitio exótico, hai cousas aquí que se poden investigar para darlles outra volta, non só cun eco de costumismo, senón cun toque máis vangardista

—Non sei se aí tamén xoga o de mostrar esas cousas para fóra?

Evidentemente. Non temos nada que agochar aquí, xa bastante tempo estivemos escondidos. A nosa cultura ten moito que ofrecer, investigar, reflexionar. Non temos que ter medo a contala fóra. Moitas veces escóitase iso de que "se fas unha película en galego non a van ver en Checoeslovaquia". E non é así. Temos varios autores que están a exportar, cun éxito notábel en festivais internacionais. Os que vimos detrás vemos que hai unha saída ao exterior.

—Tamén o tema lingüístico parece que o temos aquí moi implantado como unha barreira, pero en moitos lugares, ou en certos circuítos, domina a versión orixinal subtitulada, e vense filmes en galego sen ningún problema.

Total. No cinema máis comercial vén todo normalmente traducido. Cando se fan películas máis pensadas para vender en salas ou na televisión, non lle dan tanta importancia. Véñense aproveitar de todo o que hai aquí e o lingüístico déixano de lado, cando é o máis interesante case. Moitos autores estamos a traballar sobre a lingua e a recepción é moi boa en salas e festivais de todo o mundo. Dá igual que os filmes estean en galego, xaponés ou no que sexa. E co tema das plataformas estase a diversificar un pouco, a xente afaise a ver máis versión orixinal... É un tema complicado.

Véñense aproveitar de todo o que hai aquí e o lingüístico déixano de lado, cando é o máis interesante case

—Dentro desa vertente etnográfica, a achega supera o realismo para entrar nunha dimensión máis mítica, especialmente en Caerán lóstregos do ceo. Que o leva a explorar estes sendeiros?

Case todas as películas teñen un compoñente do real, son moi terreais, e quizais a que mencionas foi a máis fantástica ou máxica, non sei como chamarlle. Exploramos un pouco o libro Historia de Galiza, de Otero Pedrayo, que ten unha parte de Vicente Risco que investiga a cultura espiritual. É un apartado moi interesante, con sete divisións, e navegando sobre esas reflexións do mito érguese o filme. Investigamos tamén cun son un pouco máis tenebroso, poemas de Rosalía... Foi algo máis onírico. Interésame seguir con isto noutros proxectos, aínda que igual non a curto prazo.

—Menciona o son, que papel xoga este xunto á música na súa obra?

É unha parte fundamental, nas miñas obras funcionan case de guión. Sérvenme moito para marcar tempos, estruturas, ir construíndo o vídeo a raíz deles... Estou moi conectado á música desde pequeno por meu tío, que estaba ligado á vertente máis experimental. Iso foi medrando dentro de min e co tema de Baiuca tamén inflúe. Para min ten moita importancia, xa non só como inspiración na música que poida escoitar cada día. Gústame moito, por exemplo, David Lynch, que é de sobra coñecido polo traballo de imaxe, pero á parte (el tamén fai música) como traballa o son nas secuencias é incríbel. É todo un referente nese aspecto.

Existe un desequilibrio, dáselle tanta importancia á pantalla, a xente está tan obsesionada con demostrar cousas na imaxe, que moitas veces o son queda a un segundo paso e non te emociona

—Hai unha tendencia a primar a imaxe sobre o son no cinema?

Normalmente si. Existe un desequilibrio, dáselle tanta importancia á pantalla, a xente está tan obsesionada con demostrar cousas na imaxe, que moitas veces o son queda a un segundo paso e non te emociona. A música e o son poden transmitir tanto ou máis que unha imaxe. Ou o silencio mesmo. Aínda que ultimamente estase a apostar máis no son, traballando con artistas sonoros. É un punto moi interesante para desenvolver. Eu pásoo xenial traballando co son.

—Como concibe Adrián Canoura o proceso creativo? Seica adoitaba dicir que vostede era punki.

Moi caótico, no bo sentido. O outro día no Playdoc [Tui], nunha charla de videocreadores, todos tiñan un método moi específico e a moderadora, cando me foi presentar, dixo: "Ti es o rebelde". Voume deixando levar polo espazo, polo que xurda na rodaxe, nunca traballo con guións fechados. Podo ir con secuencias ou estruturas marcadas, e a raíz de aí evolucionar. Tampouco me movo con orzamentos moi amplos, polo que podo permitirmo. Gústame facer como un pintor, estar aí co cabalete e co lenzo, usar a cámara como un pincel.

—Como se observa a posibilidade de traballar desde a Galiza?

Temos sorte de que moitos artistas que viñeron un pouco antes exploraron novas vías e saíron a festivais moi importantes. Iso deunos aos que vimos detrás ilusión, fíxonos conscientes de que podemos traballar cousas de aquí e poden ter interese. Así xorden artistas, tamén ligados a festivais como o Curtocircuíto ou o (S8), ou outros como Cans, o ChanfainaLab ou o Playdoc, que poñen en valor o rural. Todo isto fai que haxa uns vínculos entre artistas, de amizade, compartindo equipos e proxectos, que é case o máis positivo. Moitas veces a xente pregúntase "que pasa na Galiza?" e eu creo que ten moito que ver con isto. Porén, é difícil atopar un camiño. Cada ano sae das escolas moita xente e o traballo está complicado, na parte máis técnica. Moitas veces hai que saír fóra para darte conta tamén de cousas que pasan aquí, aprender, traer ideas e que poidamos evolucionar.

—Falando dos festivais, que representan para as creadoras?

Son plataformas ou espazos, chámalle "x", onde se crean sinerxías moi positivas por parte dos directores e programadores, artistas... Ir ao (S8) e ver películas de vangarda que son moi difíciles de atopar, estar nese espazo con persoas que traballan cousas que igual che poden axudar a trasladalas aquí... Créanse oportunidades de partillar con produtores ou distribuidores, ver procesos dos compañeiros... Son lugares que oxalá poidamos seguir mantendo e temos que protexer, porque se creou unha rede moi interesante. Tamén axudan aos creadores a continuar, sobre todo aos que están a comezar.

—En que anda metido agora?

Estou cun proxecto marítimo. Fun gravar nun barco aos mares de Escocia, parte da miña familia faena alí. Levo tempo querendo facelo pola vinculación co meu pai, ao que parte da miña vida non puiden gozar porque estaba fóra. É unha achega case máis humana que fílmica. Se non gravase este filme, non tería ido con el no barco, e fíxonos moita ilusión aos dous. Compartimos espazo de traballo, el pescando e eu filmando, iso é do máis positivo que saco do proceso. Despois se a película queda aproveitábel, mellor que mellor. Gravei o ano pasado e agora co da Covid-19 quedou un pouco en stand by. Estou no (S8) no apartado de Input de proxectos, con Rocío Mesa, unha directora dun festival de Los Ángeles. Teño moitas ilusións postas no proxecto. Ten pinta de que vai ser unha longametraxe, pero a ver. Logo hai outras ideas que van xurdindo, cousas con Baiuca, que ultimamente temos bastantes xiras...

No proxecto no que estou, compartimos espazo de traballo eu e meu pai, el pescando e eu filmando, iso é do máis positivo que saco do proceso

—Teño entendido que ten vontade de explorar outros espazos do cinema, por exemplo os museos.

Si, levo tempo pensándoo e no PlayDoc tiven unha oportunidade marabillosa cos cinema-percorridos. O festival leva anos traballando coa recuperación do material de arquivo de Tui, dos anos 70 ou 80. Cedéronnos imaxes a cinco videoartistas para que as tratásemos libremente. Foi interesantísimo e divertido operar nesa dimensión, tamén ligada ao espazo. Eu estiven no Vello Cárcere e fixen unha instalación multimedia. Tiña intención de que fose interactiva, había unha máquina para crear cores... Pero co tema da Covid-19 ten que ser todo moi medido. E pareceume fantástico ver os procesos dos demais artistas.

 

Comentarios